Evolve figura entre os Xogos con Gold de marzo

xoves, 23 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Ao achegarse o remate do mes Microsoft anuncia os xogos que o programa de Xogos con Gold incluirá durante o mes que vén, de aí que xa teñamos a listaxe de títulos que recibirán os subscritores Gold de Xbox LIVE no mes de marzo para Xbox One e Xbox 360.
O primeiro xogo que recibirán os usuarios de Xbox One será Layers of Fear, título de Aspyr Media que métenos na pel dun pintor obseso por rematar a súa obra mestre mentres é perseguido polo seu pasado e as súas anteriores creacións. Esta aventura deforma a arte e a arquitectura para construír un xogo de terror moi orixinal.
Pero o prato forte para Xbox One farase esperar até o día 16, Evolve Ultimate Edition¸ salientable xogo en primeira persoa que permite xogar en liña até a 5 xogadores, na que catro xogadores deberán cooperar para enfrontarse ao quinto, que controlará a un monstro con poderes únicos. Ao estar ante a súa edición máis completa teremos en total a 20 cazadores, 5 monstros, máis de 16 mapas e 5 modos de xogo, polo que estamos ante un título que garante moitas horas de diversión en grupo.
Para Xbox 360 (con retrocompatibilidade para Xbox One) teremos na primeira metade do mes un xogo de grande éxito, Borderlands 2, que consolidou unha das franquías máis carismáticas da anterior xeración de consolas e que nesta ocasión ofrece a posibilidade de vingarse de Jack el Guapo, nunha aventura con multitude de armas e personaxes que resulta especialmente divertido de xogarse con até 3 amigos máis.
Durante a segunda metade do mes o xogo para Xbox 360 que estará dispoñible será moi discreto, Heavy Weapon, produción de PopCap Games, que vén a ser un shoot’em up de corte clásico no que hai que disparar dende un tanque para destruír unha armada inimiga.

Vídeo no que podemos ver os Xogos con Gold de marzo

PUBLICIDADE