Euskaltel acadou en 2020 récord de clientes e ingresos

venres, 26 de febreiro do 2021 Redacción

O Grupo Euskaltel fixo balance das súas contas en 2020, un ano marcado pola pandemia e por un notábel incremento, entre a cidadanía, de todo o relacionado cos servizos de telecomunicación nas súas moitas e variadas modalidades. Segundo se fai saber no reconto, o grupo, do que forma parte a operadora galega R, logrou récord de clientes e ingresos. En concreto, aumentou un 28 % o seu beneficio neto e conseguiu un resultado neto de 79,4 millóns de euros (sendo 62 millóns de euros os rexistrados en 2019).
Amais, os ingresos do grupo medraron un 1,7 % até acadar unha cifra récord de 697,1 millóns de euros.
A maiores, 2020, que foi o ano do lanzamento de Virgin Telco (a división do grupo do ámbito estatal), supuxo a confirmación da evolución da súa nova marca, “por riba de todas as expectativas en 2020”, con máis de 71.000 novos clientes en apenas 7 meses, superando en máis dun 50 % o obxectivo previsto para fin de 2020.
Respecto das cifras xerais do grupo, acadou o récord dos 823.000 clientes no mercado masivo, un 7% máis de usuarios que os rexistrados en 2019.
Por segmentos, os servizos que máis medraron no último trimestre foron o de telecomunicacións móbiles, con 80.000 servizos máis contratados, e un crecemento do 7 %, e banda larga ultrarrápida, con 58.000 servizos máis que en 2019, un 10 % máis.
Os produtos e servizos de alto valor contratados nos fogares ascenden xa a unha cifra récord de case 3 millóns.
O mercado de empresas presenta a maior suba de ingresos da súa historia, aumentando de xeito significativo nun 3,3 % en 2020, e un 1,4 % na súa base de clientes, ata acadar as 16.000 empresas clientes do Grupo.
O informe tamén indica que o Grupo Euskaltel acadou unha cobertura de rede de fibra óptica de máis de 23,4 millóns de fogares a nivel estatal, tras incorporar máis de 18 millóns de fogares en 2020.

PUBLICIDADE