Estudantes do IES Mosteirón de Sada visitan o CITIC e o CITEEC

xoves, 15 de maio do 2025 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este martes 13 de maio a visita de 32 estudantes do IES Mosteirón de Sada.
O alumnado puido coñecer de primeira man as capacidades tecnolóxicas do centro a través dun percorrido guiado polas súas instalacións máis punteiras. A visita dividiuse en dous grupos para que tamén puidesen visitar as instalacións do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC. Durante a súa estadía no CITIC, os estudantes exploraron o Demostrador Tecnolóxico, onde se lles presentou unha variada mostra de proxectos innovadores: o detector de pólipos, o sistema de diagnóstico de ataxias, o robot humanoide NAVE, un dron utilizado para investigación, o casco de EEG e o robot educativo Robobo.
O percorrido continuou na Sala de Robótica, onde puideron interactuar con robots avanzados como os can-robot, o robot asistencial Tiago, o vehículo Summit e un brazo robótico deseñado para tarefas de precisión.
Na Sala de Realidade Virtual e Localización, os e as estudantes viviron unha experiencia inmersiva co sistema de captura de movemento Optitrack, ademais de experimentar con luvas táctiles e tecnoloxías de Realidade Virtual.
A visita tamén incluíu unha parada no Centro de Procesado de Datos (CPD), elemento clave para o procesamento de grandes volumes de información, e na Sala OitoBits, espazo dedicado á creatividade e a divulgación dixital.
Con esta actividade, o CITIC reafirma o seu compromiso coa divulgación científica e o fomento das vocacións tecnolóxicas, achegando ao alumnado aos desafíos actuais no eido da investigación e a innovación. Este tipo de iniciativas “buscan inspirar ás novas xeracións e fomentar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía desde idades temperás”, explicaron fontes do CITIC.