Estremadura aposta polo acceso á administración electrónica dende calquera canle

martes, 4 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

A nova, malia que en certa maneira caía de caixón, correu os días pasados coma regueiro de pólvora, sobre todo nos sectores máis afíns ó software libre: a de Estremadura será o primeiro goberno rexional que contará cun sistema global de administración electrónica baseado en código aberto. Detrás do proxecto hai dúas entidades: por unha banda a propia Junta de Estremadura (que leva anos apostando polo software libre, e mesmo ten un sistema propio, o Linex) e pola outra a empresa Indra, encargada do deseño do software. A idea, segundo informa a Asociación Usuarios de GNIX, pasa polo seguinte: desenvolver unha infraestrutura cen por cen computerizada e interconectada que achegue ós cidadáns un acceso total ás administracións públicas e a través de calquera canle.
A curto e medio prazo, isto que consecuencias tería? Pois basicamente axilizar o noso trato coas institucións públicas (algo así como engraxalas e darlles combustible), levar alén da Rede o espazo habilitado para ese trato co fin de que chegue tamén ós móbiles ou á televisión dixital e, asemade, gozar dun escenario cen por cen software libre, na feitura, no fondo e no resultado, tanto nos sistemas internos da administración como nos documentos ós que podemos acceder, entre outros aspectos.

PUBLICIDADE