Estréase en Compostela a música sen fíos da Silent Wi-Fi Music Experiencie

martes, 19 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Santiago vai acoller un espectáculo musical que abre novos camiños de interacción co público a través das tecnoloxías sen fíos. Trátase da Silent Wi-Fi Music Experience que se celebrará por primeira vez no Estado español, este mércores en Compostela, ao abeiro das Xornadas de Música Contemporánea. Presentárono a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o pianista Javier Otero Neira, protagonista dunha proposta que é innovadora “nas formas” pero sobre todo no “equipamento” empregado: un piano de cola Yamaha equipado con tecnoloxía Silent e 300 auriculares Wi-Fi. Segundo fixeron saber, o público poderá percorrer libremente un radio de medio quilómetro mergullado “nun microcosmos auditivo”.
A cita será este mércores, ás 21:30 horas, na praza de Cervantes, e os auriculares poderán recollerse a partir das 20:30 h cubrindo un documento e deixando o DNI en depósito. O programa escollido para esta experiencia musical recolle obras de autores contemporáneos, música popular trasladada ao piano e clásicos revisitados, incluíndo a visita a Galicia do Pergamiño Vindel coa música de Martín Códax. Segundo lembraron Novoneyra e Otero, os compositores galegos Octavio Vázquez e María Mendoza comparten programa co arxentino Ginastera, o finés Einojuhaani Rautavaara e o estonio Arvo Pärt.
Esta proposta está enmarcada dentro das Xornadas de Música Contemporánea que se están a celebrar en Compostela do 6 ao 29 de xuño, organizadas polo Concello de Santiago, a USC, A Deputación da Coruña, o CGAC e o Consorcio compostelán. Baixo o título Música, Emoción e Memoria o programa deste ano celebra a pegada e a obra do compositor vigués Enrique Xerardo Macías (1958 – 1995). A actividade é de balde cun límite de 300 auriculares.

PUBLICIDADE