Estréase en Cinegame o Trackmania United Forever

mércores, 5 de novembro do 2008 Raquel Noya

A espectacular sala Cinegames, instalada no complexo cinematográfico de Yelmo Cines Islazul, ofrécelle aos afeccionados aos videoxogos, dende o pasado 31 de outubro, a oportunidade de disfrutar do primeiro videoxogo de condución con anteollos 3D, o Trackmania United Forever.
O acordo asinado entre FX Interactive, editor do xogo en España, e Yelmo, fai posible levar a cabo unha iniciativa pioneira no mundo, grazas á cal, os xogadores poden disputar carreiras trepidantes con coches que literalmente saen da pantalla, tanto nos monitores de cada posto de xogo da sala, como na pantalla de cine de considerables dimensións.
A fin de proporcionarlle aos xogadores as sensacións máis realistas posibles, aos anteollos 3D, engádenselle os efectos especiais da sala e os efectos de son e vibración integrados en cada butaca, facendo de cada sesión unha experiencia inesquecible para o xogador.
A experiencia de xogo resultante é nova en cada sesión, e o xogo permite disfrutar de ata 265 pistas distintas, 7 tipos de escenarios, 4 modos de xogo (carreira, plataformas, acrobacias e puzle) e centos de vehículos distintos.
Este é, segundo os seus responsables, “un novo concepto de xogo” que se pode difrutar durante os fins de semana, en exclusiva, nos 55 postos de xogo da sala Cinegames, situada no complexo cinematográfico Yelmo Cines Islazul.
As sesións do Trackmania United Forever teñen unha duración aproximada de 50 minutos e as entradas pódense adquirir directamente na taquilla do cine, dentro das sesións programadas.

PUBLICIDADE