Estréase con éxito o proxecto de eAdministración de Lugo

xoves, 18 de xullo do 2019 Redacción

Esta semana, o luns 15, desenvolveuse a primeira fase da posta en marcha da Administración Electrónica do Concello de Lugo. O proceso levouse a cabo “con pleno éxito”, en palabras do Goberno local, que lembrou que a implantación abrangueu xa as áreas de rexistro e as relacionadas coa policía, cemiterios, tarxeta cidadán e estatística. Un equipo de funcionarios apoiados polo control do persoal da empresa adxudicataria do proxecto Lugo Smart City realizaron as primeiras operacións, que “transcorreron sen ningún tipo incidencias”.
En total, atendéronse 209 rexistros e dixitalizáronse 500 documentos. Sobre o que que resta por facer, o Concello engadiu que “en canto o proxecto de eAdministración estea a funcionar ao 100%, tanto a veciñanza como as empresas poderán tramitar a maioría dos seus expedientes desde os seus computadores e poderán seguir a súa rastrexabilidade en cada intre”.
A alcaldesa Lara Méndez recordou que a “Administración Electrónica non só vai revolucionar as relacións do concello cos lucenses, que será máis áxil e próxima, tamén facilitará o traballo interno, xa que a dixitalización de toda a documentación permitirá que sexa compartida coas distintas áreas de xeito telemático”.
O proceso de implementación proseguirá durante o mes de agosto e setembro. Cando o dito traballo estea rematado, o concello elaborará un estudo sobre o aforro de custos. Segundo as cifras que manexa a Administración Xeral do Estado, o custo de traballar con papel ascende a 80 céntimos por usuario, que se reducirá a 5 céntimos coa eAdministración.
O Smart City é unha das grandes apostas do Goberno de Lara Méndez para a segunda transformación de Lugo. Tras conseguir preto de 4 millóns europeos no anterior mandato para a súa posta en marcha, comezou a traballarse hai un ano nas súas principais liñas estratéxicas de actuación. Neste prazo avaliouse o funcionamento de cada un dos departamentos da Administración municipal para realizar as súas adaptacións e desenvolver os novos protocolos.

PUBLICIDADE