Estrea web o roteiro vital e literario de Rosalía en Padrón, Santiago, Ames e Brión

venres, 24 de maio do 2019 Redacción

Esta semana presentouse unha nova web sobre a nosa escritora Rosalía de Castro e os principais escenarios da nosa terra onde desenvolveu gran parte da súa vida e deu forma á súa senlleira obra literaria. Estamos a falar da páxina específica da ruta cultural As pegadas de Rosalía, que vén da man dos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago co obxectivo de facilitar un acceso doado e directo ao percorrido xeográfico e vital da autora de Follas Novas, así como mostrar as últimas informacións e iniciativas organizadas arredor do roteiro.
A web www.rutarosaliana.gal, que xa está dispoñíbel en galego, español e inglés, tamén acolle a versión actualizada da aplicación Contorna 360, que permite realizar un percorrido interactivo e panorámico polos distintos lugares que artellan o periplo.
A páxina salienta por brindar unha interface clara e intuitiva e por unha vontade de mergullar ao usuario no universo rosaliano dende o primeiro intre en que se accede a ela: a páxina web dá a benvida ao visitante a través dun inicio composto por unha sucesión de imaxes extraídas das visitas teatralizadas organizadas seguindo a ruta, acompañadas por distintas frases que Rosalía de Castro adicou a algúns dos lugares que se visitan. Asemade, a pestana Ruta Rosaliana ofrece unha breve explicación sobre a vida da poeta e o que supuxo a súa figura na cultura galega, así como unha introdución á ruta seguindo as palabras do intelectual Avelino Abuín de Tembra.
Como dixemos, a través da páxina tamén se ofrece unha ligazón para acceder ao programa Contorna 360, un percorrido web interactivo polos distintos lugares que vertebran o roteiro, cada emprazamento cunha visión panorámica do lugar, coa súa localización exacta e con fotos e datos sobre o papel que o espazo en cuestión desempeñou na vida de Rosalía. Por outra banda, ao premer nas pestanas No teu peto e Recursos, as persoas que accedan á paxina poden descargar material de interese como mapas, folletos informativos e logos do roteiro.

PUBLICIDADE