Estiman que Pokémon GO podería ter causado miles de millóns en danos nos EE.UU.

luns, 27 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Un informe publicado por un par de investigadores da Universidade de Purdue cruzou os informes policiais de accidentes de tráfico no condado de Tippecanoe (Indiana) con información do xogo de realidade aumentada Pokémon GO, detectando un dato preocupante: rexistrouse un incremento desproporcionado en choques de vehículos e danos asociados a vehículos, danos persoais e falecementos no contorno das chamadas Poképaradas, o que podería indicar que o xogo de Niantic foi unha grande distracción para a condución durante o seu boom.
No estudio chegan a estimar que os danos provocados (incluíndo a valoración de 2 pasamentos) só no condado analizado estaría entre 5,2 e 25,5 millóns de dólares nos 148 días a partires do lanzamento do xogo e, de poder extrapolarse estes datos ao total dos EE.UU. poderiamos falar dunha valoración de entre 2.000 e 7.300 millóns de dólares no mesmo período, dato bastante alarmante, como tamén o é o título do informe: Morte por Pokémon GO.
Realmente non hai evidencias de que tal esaxerado volume de accidentes de tráfico fosen consecuencia de condutores xogando a Pokémon GO mentres guiaban o seu vehículo (aínda que si houbo algún accidente confirmado), pois o propio xogo non permitía aproveitar as Poképaradas cando se vai a certa velocidade, sendo posiblemente máis perigoso o comportamento dos peóns, que durante a febre polo xogo camiñaban polas rúas sen mirar cara adiante, pondo en perigo a súa integridade física en máis dunha ocasión.
O que si debería facer este tipo de análise é alertar da necesidade de atender ao que acontece ao noso redor cando estamos nunha vía público, no canto de mirar ao teléfono móbil, sexamos peóns ou condutores.

PUBLICIDADE