Este verán estrearase un YouTube especializado en videoxogos
venres, 12 de xuño do 2015
Tras a
compra de Twitch por parte de Amazon quedou clara a importancia dos videoxogos
na transmisión de vídeo a través da Rede, e aínda que os rumores apuntaban a
que Google podería mercar Twitch, finalmente a compañía do buscador foi polo
seu propio camiño e anuncia YouTube Gaming,
unha versión de YouTube centrada nos videoxogos que verá a luz durante o verán.
YouTube Gaming será tanto unha páxina web nova como unha nova aplicación, que
facilitará a conectar xogadores de todo o mundo para ver vídeos e
retransmisións en directo, catalogando máis de 25.000 videoxogos para facilita
a exploración de vídeos sobre os mesmos, e aproveitando a experiencia con
YouTube Live para achegar unha boa experiencia cos directos, de xeito que,
cando nos subscribamos a unha canle, recibiremos unha notificación de cando na
mesma se inicie unha retransmisión.
A nova páxina web tamén optimizará as buscas para limitalas aos videoxogos, de
xeito que, cando escribamos “call” o sistema suxeriranos buscar “Call of Duty”
e non “Call Me Maybe” como faría na web ordinaria de YouTube.
Os grandes reclamos que empregará YouTube Gaming é contar con vídeos
de até 60 fotogramas por segundo, función de gravación (DVR) e conversión
automática de retransmisións en directo a vídeos de YouTube, para o que están a
realizar numerosos axustes estes días para que o sistema poida lanzarse en
poucas semanas, comezando por EE.UU. e Reino Unido. Algúns detalles do novo
servizo poderán verse a semana que vén durante a celebración do E3.