Este verán Nadal chegarán os xogos baseados na película Star Wars: The Clone Wars

xoves, 19 de xuño do 2008 Marcus Fernández

O xogo para Wii achegará un orixinal sistema de xogo

Nintendo está a preparar xogos baseados na nova película Star Wars: The Clone Wars para Wii e DS, que se agardaban para o outono, pero a empresa nipona anuncia que finalmente estarán dispoñibles no verán (supomos que para coincidir coa estrea da película).
O xogo para Wii chamarase Star Wars The Clone Wars: Lightsaber Duels, é un traballo de Krome Studios, e ofrecerá diversión para toda a familia grazas ás súas batallas de espadas de luz e á recreación dos personaxes, escenarios e duelos épicos da nova serie animada da saga galáctica creada por George Lucas. Ao facer uso do mando da Wii para manexar as espadas de luz crean unha nova experiencia de uso que será moi do agrado dos afeccionados de Star Wars.

Imaxe do xogo para DS

Ken Fox, un dos produtores do xogo para Wii, asegurou que o xogo «non é un simulador de espada de luz» pero resulta moi intuitivo, e así, cando, por exemplo, se move o mando de esquerda a dereita, o personaxe en pantalla fai o mesmo.
Para Nintendo DS, en cambio, o xogo chamarase Star Wars The Clone Wars: Jedi Alliance, e nace da colaboración entre o equipo de Singapur de LucasArts e Lucasfilm Animation. Aínda que non será tan espectacular como o título para Wii, tamén fará un orixinal uso do lapis táctil da DS para controlar os movementos dos cabaleiros jedi.
Un dos responsables do proxecto da versión de DS, Feargus Carroll, asegurou que a combinación de botóns e a pantalla táctil de xeito que «usar a Forza nunca foi tan doado». Tamén detallou que o xogo poderá xogarse en modo cooperativo.

ACTUALIZACIÓN: Activision informou sobre a demora do lanzamento destes xogos ao Nadal de 2008.

PUBLICIDADE