Este será un verán cheo de actividades tecnolóxicas para os veciños de Vilasantar

xoves, 28 de maio do 2009 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Vilasantar, vén de anunciar novos obradoiros de achegamento ás novas tecnoloxías que terán lugar no vindeiro mes de xuño no Centro da Rede de Dinamización do devandito Concello.
As actividades terán lugar polas mañás, xa que o centro no que se levarán a cabo permanecerá pechado todas as tardes a partir das 15 horas dende o día 1 de xuño ata o vindeiro 30 de setembro.
Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:
-Mecanografía: con esta actividade preténdese que os usuarios e usuarias sexan quen de escribir con todos os dedos e sen mirar o teclado do computador ao finalizar o obradoiro. Desenvolverase de luns a venres, do 1 ao 8 de xuño entre as 11 e as 12.30 horas.
-Manexo da cámara dixital: agora que se achega o verán e que o tempo se presenta máis axeitado que nunca para sair a probar as nosas cámaras dixitais, o Centro de Vilansantar ofertará de balde este obradoiro, que ten como principal obxectivo que os e as asistentes aprendan a usar correctamente unha cámara dixital para facer fotografías de calidade. O curso terá lugar de luns a venres, dende o 9 ao 12 de xuño en horario de 12 a 13.30 horas.

- Tamén está prevista a realización da iniciativa Memoria dos Oficios, unha actividade que trata de tirar proveito da capacidade de almacenamento e divulgación da Rede para preservar a memoria da nosa sociedade, personificada, neste caso, nos usos laborais do rural que semellan esmorecer fronte aos que proveñen das cidades.
Este obradoiro levarase a cabo dende o 15 ao 26 de xuño en horario de 10:30 a 12:30 horas e nela, entre outras moitas cousas, os e as asistentes crearán documentos audiovisuais atendendo ao esquema dunha videomontaxe para dixitalizar todo o coñecemento posible sobre oficios tradicionais a través das lembranzas directas dos e das participantes.
Asemade, segundo anunciaron os seus responsables, esta actividade “trata de achegar a Rede a aquelas persoas pertencentes ás franxas de idade con maior risco de exclusión dixital: os maiores, á vez que se xeran contidos no noso idioma”.
Por último, para este mes de xuño, o Concello de Vilasantar ten prevista a realización da charla Navegación segura na Internet, un relatorio que expoñerá os riscos que agocha Internet e as medidas de protección e prevención máis aconsellables.
Este acto terá lugar o vindeiro día 30 ás 10:30 horas no Centro de Dinamización de Vilasantar, na Casa do Concello da vila.

PUBLICIDADE