Este sábado inaugúrase nas Pontes o Centro de Arte e Creación Dixital de Amigus Labs
martes, 8 de outubro do 2019
Volven,
malia que nunca se foron, as quedadas argalleiras da Asociación
Amigus (os obradoiros Amigus
Labs). Desta volta, estamos a falar dunha cita prevista para o 12
de outubro, con motivo da inauguración do Amigus Labs Centro de Arte
e Creación Dixital, así como do Fab Lab As Pontes (na praza do
Hospital das Pontes, no número 14).
A
organización quere acadar a máxima participación, polo que xa
enviou un chamamento para asistirmos a esta “xornada de portas de
abertas” que servirá para “dar a coñecer o novo espazo de máis
de 200 metros cadrados” así como os proxectos que se están a
realizar ao abeiro dos Amigus Labs ao longo deste ano (proxectos de
electrónica, robótica e prototipado ou arte, “todo ligado a
Industria 4.0”).
Asemade,
na cita, aproveitarase para poñer o foco nas vantaxes do uso de
software e hardware libre, así como nas futuras actividades que se
van realizar dende Amigus. “É para nós a oportunidade de ter un
sitio onde innovar e levar a cabo proxectos que doutra forma non
serían posíbeis”, sinalan dende a asociación, engadindo que a
xuntanza-presentación deste sábado desenvolverase en horario de
mañá e de tarde, comezando (dende as 11.00 en adiante) por un
obradoiro de balde sobre deseño vectorial usando Inkscape, un
software libre de vectores gráficos de calidade profesional para
Windows, Mac VOS X e GNU/Linux.
Por
certo que para asistir ao devandito obradoiro é obrigatorio
rexistrarse no formulario que atoparemos ao remate da páxina do
evento http://www.amiguslabs.org/amigus-labs-maker-19-3/.
Tódalas
actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para
comer de 14:00 a 16:00. A inscrición é gratuíta, e o prazo remata
o 11 de outubro. Podemos apuntarnos enviando un correo electrónico a
amigus@amiguslabs.org (prazas limitadas).