Este martes arrincan en Vigo as VII Xornadas de Videoxogo e Literatura

luns, 6 de outubro do 2025 S. P.

Este martes 7 de outubro arrincan no MARCO de Vigo as VII Xornadas de Videoxogo e Literatura, unha actividade anual da Fundación Carlos Casares que pretende abordar o sector cunha perspectiva transversal, sen perder de vista a relación coa literatura e as súas técnicas, así como as relacións que se establecen con outros sectores culturais e creativos. As Xornadas de Videoxogo e Literatura buscan tamén ampliar o coñecemento público do sector; debullar as perspectivas de crecemento e apuntar retos e desafíos dos seus profesionais. Celebraranse ata o xoves 9.
Segundo explica a organización, nesta sétima edición consolídase a mirada transversal mediante novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (contando historias dende o papel ao mando, os indies en Galicia e o lecer interactivo e os seus diversos universos), para os obradoiros dirixidos ao público asistente sobre mercadotecnia no videoxogo, e unha charla sobre a inevitable IA e o seu impacto nos procesos artísticos.
O evento será presentado por Bruno Doiro, e entre os profesionais participantes cóntase con perfís moi variados, procedentes da contorna da literatura e do lecer interactivo, como Antonio Gil, Inés Alcolea, David Gago, Camilo Franco, Pedro Meira ou Luis Miguel Nández; do sector industrial e creativo, como Byron Caparrós, Concepción González e José Raluy, Iago Domínguez, Ana Beatriz Sánchez ou Fátima G. Doval; do desenvolvemento, como Carolina Nickele, Silvia Fernández, Cristina Barreiro e José Carlos Montero; e doutras disciplinas artísticas relacionadas co videoxogo, como Denis Siks ou José Luis Abraldes.
Como actividade externa, baixo o título BIT a BIT. A evolución dos videoxogos!, a entidade desenvolverá entre os días 7 e 10 de outubro no Espazo Anexo do MARCO unha exposición sobre videoxogos centrados nos 16 e os 32 bits, as consolas que moldearon esas xeracións, e obradoiros para escolares e talleres familiares, co fin de que todo o mundo teña a oportunidade de coñecer a evolución do lecer interactivo dos videoxogos retro.
Programa do 7 de outubro
11.00 h. Mesa redonda Do papel ao mando. A arte de contar historias
Antonio Gil. Profesor titular de Teoría da literatura e literatura comparada (USC)
Inés Alcolea. Escritora, deseñadora narrativa e experta en mercadotecnia
12.15 h. Inauguración
13.00 h. Mesa redonda Visións sobre a industria do lecer interactivo
Byron Caparrós. Responsable de Área 60
Iago Domínguez. Responsable de Onente Gaming
17.00 h. Mesa redonda Os indies en Galicia. Que pasa tras un lanzamento
Carolina Nickele e Silvia Fernández. Desenvolvedoras do videoxogo Gelatina tiene hambre
Cristina Barreiro e José Carlos Montero. Desenvolvedores do videoxogo Alchemice
18.00 h. Obradoiro Como aplicar marketing ao deseño do teu videoxogo (Parte I)
Inés Alcolea. Escritora, deseñadora narrativa e experta en mercadotecnia
19.45 h. Obradoiro Como aplicar márketing ao deseño do teu videoxogo (Parte II)
Inés Alcolea. Escritora, deseñadora narrativa e experta en mercadotecnia