Este ano teremos nova versión vitalicia de Office para Windows 10 e macOS

venres, 19 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Aínda que Microsoft fai unha aposta decidida polos servizos de subscrición á hora de ofrecer o seu software, son conscientes de que este modelo de negocio non é axeitado para todos os escenarios, de aí que continúe a existir unha variedade do Microsoft Office que sae cada poucos anos e que comercialízase con licenza vitalicia, e agora anuncian que no mes de abril publicarán unha versión preliminar do que será o Office 2021.
Microsoft 365 segue a ser a opción máis recomendable para quen quere recibir as últimas novidades do software ofimático e recibir as numerosas aplicacións que forman a familia de Office (así como acceso ás aplicacións móbiles), mentres que a versión vitalicia limítase a certas aplicacións en función da versión que se adquira (é posible mercar o Office estándar e unha versión profesional máis completa e cara).
Office 2021 para uso persoal e pequenas empresas sairá á venda a finais do presente ano, e contará con 5 anos de soporte oficial. Dende Microsoft tamén detallan que Office 2021 contará con versións de 32 e 64 bits así como para Windows 10 e macOS.

PUBLICIDADE