Este ano tampouco teremos entrega de NBA Elite

mércores, 6 de abril do 2011 Marcus Fernández

O deficiente estado de desenvolvemento no que estaba o xogo NBA Elite 11 levou a EA Sports a cancelalo antes do seu lanzamento previsto para o pasado Nadal, pois a reformulación da franquía NBA Live buscaba comezar con bo pé para poder competir cos títulos de baloncesto de 2K Sports, pero o panorama non parece ter mellorado, e Peter Moore vén de asegurar que teñen a traballar no seu novo xogo da NBA á xente de Tiburon Studio (en Orlando), buscando crear un produto que non verá a luz ata 2012, de xeito que EA Sports volvería a deixar pasar o tren na vindeira campaña de Nadal.
Curiosamente a compañía repetirá a xogada de 2010, e no outono tamén teremos unha nova entrega de NBA Jam, que chegará como título descargable e contará con novas características como un sistema de intelixencia artificial avanzado e unha campaña cooperativa en liña. NBA Jam: On Fire Edition chegará con grandes estrelas da NBA, xogadores lendarios da NBA e numerosos personaxes desbloqueables inéditos, estando previsto o seu lanzamento para Xbox LIVE e PlayStation Network para o mes de outubro.

No outono teremos outra entrega da saga NBA Jam

PUBLICIDADE