«Estamos a ser referentes en moitas cousas do mundo da tecnoloxía» – Gustavo Gómez, socio director de Bahía Software

venres, 21 de decembro do 2018 Redacción

Alá polo ano 1999 nacía esta empresa tecnolóxica galega para dar solucións de consultoría especializada ao servizo sanitario. Case 20 anos despois, Bahía Software non só sigue prestando a indubidable aptitude do seu capital humano no sector da saúde senón que espallou o seu magnífico traballo a outras ramas. Gustavo Gómez, socio director da compañía, cóntanos os distintos proxectos que están levando a cabo e a filosofía de traballo de Bahía.

- Bahía Software, tecnoloxía por e para Galicia e máis pero, como nace esta empresa?
- Nace dun grupo de persoas que estaba traballando en Hewlett-Packard implantando aplicación hospitalarias para o SERGAS, basicamente para a xestión dos hospitais galegos. Durante tres anos estivemos recorrendo todos os seus centros actualizando o seu sistema informático. No momento que vimos que o proxecto se estaba esgotando decidimos crear una empresa TIC co obxectivo de dar servizo de mantemento e desenvolvemento de software. Vimos esa posibilidade e abríronnos as portas para probarnos e viron que, incluso, funcionabamos igual ou mellor. A partires de aquí comezamos a manter aplicacións de software de hospitais e despois xurdiron tamén oportunidades de desenvolver software ao redor do mundo sanitario. A partires de aquí comezamos a medrar con máis oportunidades non só en Galicia, xa que comezamos a ir a outras comunidades. Máis adiante comprobamos que non só na sanidade podíamos estar facendo cousas de tecnoloxía, tamén en outros ámbitos ou outras consellerías dun goberno autonómico ou incluso, de empresas privadas.

- Bahía Software é, sen dúbidas, unha das empresas tecnolóxicas galegas de presenza máis recorrente no Informe Ardán, que é o que compendia cada ano o máis sobranceiro do noso tecido produtivo innovador. Bahía acada importantes postos en tres clasificacións do informe: no de empresas innovadoras, no de empresas ben xestionadas e no de empresas con meirande potencial de espallamento fóra da nosa terra. Que significa para vós este recoñecemento? Canto traballo houbo detrás para acadar este tipo de distincións?
- O informe Ardán: a traxectoria da empresa segundo as contas do rexistro mercantil. As contas son números fríos, non di exactamente o que fas pero si que é certo que amosa unha traxectoria. A nosa é de crecemento, quizais non explosivo, pero si nun crecemento estable xa que sempre previmos a rendibilidade na empresa, que os proxectos dean beneficios e fidelizar aos clientes para manter uns produtos rendibles. Todo ese traballo é de todo o equipo. Intentar que todo saia ben, que o cliente estea contento, que o proxecto sexa rendible de cara todo o mundo que participa, un win-win, que gañen todos. Ese é o noso tipo de traballo e ó final ao cabo dos anos vese reflexado nese Informe Ardán.

- A vosa semella unha empresa especialmente implicada en acontecementos tecnolóxicos de divulgación, emprendemento ou confraternidade. Por exemplo, a Noite da Enxeñaría en Informática que organiza o CPEIG (que apoiades dende hai unha década) ou as Xornadas Técnicas de Informática Sanitaria. Bahía quere estar onde se compartan recursos e se abran novos vieiros de uso e aplicación para as novas tecnoloxías?
- Apostamos polo sector e pola carreira, e nese senso o Colexio está facendo un bo traballo. Interésanos divulgar, compartir e aprender de outras experiencias de empresas ou de administracións públicas. Estamos encantados de todo o que sexa participar en foros colaborativos. Colaboramos coa Universidade de Santiago, coa de A Coruña, coa de Ourense firmamos unha cátedra o ano pasado. Así que por esta vía tamén estamos apostando.

- Aínda que realizades outro tipo de traballos a vosa especialización ou o voso forte é a consultoría tecnolóxica do sector sanitario. Que avances podemos atopar neste ámbito?
- Desde que nós empezamos, que eran aplicacións moi de xestión, de mover un dato ou dar citas ata hoxe en día, que tes sistemas de videovixilancia de pacientes, de telemonitorización, aplicacións móbiles onde podes acceder a todo o teu historial clínico ou intelixencia artificial aplicando á imaxe médica aos datos do historial médico. É máis, creo que non ten fin porque o que se segue investigando agora mesmo que é o mundo do algoritmo o que vai a prover é dun montón de información que nos vai permitir sacar patróns, adiantarnos ao acontecementos, sacar información preditiva tanto en enfermidades como en cousas sinxelas da mesma vida.

Sen dúbida un dos vosos grandes proxectos TIC é uForest, que unha plataforma que tira proveito de drons e de software específico para salvagardar o futuro dos nosos bosques. Contádenos como funciona uForest e até onde pode chegar nese cometido seu de protexer as forestas e, en termos máis extensos, o medio ambiente.
- O seu director de proxecto é Diego del Olmo. Basicamente a plataforma de uForest é un servizo que o que pretende é capturar datos sobrevoando unha zona cun vehículo aéreo non tripulado (UAV). Ese UAV levará os datos a unha plataforma tecnolóxica e con esa información faremos unha serie de algoritmos para calcular o estado fitosanitario das especies, índices de incendios ou cartografiado de especies. De momento uForest ten eses casos de uso, pero a filosofía vai moito máis alá, por exemplo no ámbito do cartografiado.

- En que punto de desenvolvemento se atopa a día de hoxe uForest? Hai novidades ao respecto sobre a súa evolución e sobre o seu espallamento?
- Estamos nunha fase case de probas, a parte tecnolóxica xa está. Hai un UAV de probas pero estase finalizando outro moito máis innovador. Xa conseguimos facer voos, procesar datos e ver o estado de moitas especies. Está nun estado moi avanzado e xa acadou o Premio TIC Galicia á Innovación neste ano 2018, sen dúbida un recoñecemento a este traballo.

- Podedes adiantarnos algo sobre algún proxecto destacable no que esteades a traballar e que, como uForest e outras iniciativas, teña capacidade para marcar un antes e un despois na evolución tecnolóxica da nosa terra?
- A maioría dos proxectos nos que estamos en fase I+D agora mesmo son o que son: innovación. Non hai nada igual no mercado. O que estamos levando a cabo estase probando e estarán completados algúns nun 30 por cento outros nun 60 ou 70 por cento. É a única maneira de diferenciarse hoxe en día, cun produto innovador. O ámbito sanitario é polo que máis apostamos pero preferimos manter o segredo por non adiantar algo que pode non saír para non crear expectativas.

Como vedes o panorama tecnolóxico en Galicia? Podemos chegar a ser referentes?
- Eu penso que xa somos referentes. Cando vas a congresos nacionais e internacionais xa recoñecen o noso traballo. Tanto nós coma outras múltiples empresas galegas estamos referentes en moitas cousas do mundo da tecnoloxía. Hoxe en día Galicia ten un potencial brutal neste sector sobre todo porque ten tres universidades potentes. O único que nos fai falta é ter máis profesionais TIC e, sobre todo, tituladas femininas.

PUBLICIDADE