Esta semana sae á venda o iPad Pro

luns, 9 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Xa van un par de meses dende a presentación mundial do iPad Pro, pero finalmente xa sabemos que esta mesma semana chegará ás tendas un dos produtos máis rumoreados de Apple, e que máis se resistiu en ver a luz: un iPad con pantalla de 12,9 polgadas. Os pedidos en liña deste produto abriranse o mércores, chegando ás tendas físicas a finais de semana, destacando non só polo seu tamaño de pantalla (que permite un maior aproveitamento das novas funcionalidades de pantalla partida de iOS) senón tamén por contar coa posibilidade de empregar un lapis dixitalizador como método de entrada (pensando en usos creativos).
Esta tableta con pantalla de 12,9 polgadas cunha resolución de 2.732 x 2.048 píxeles será bastante ben recibida por profesionais da imaxe, que terán así un novo xeito de ver os seus traballos e incluso crear, para o que tamén xoga un importante papel o procesador A9X de 64 bits que fai que a tableta funcione cun bo desempeño. Para a produtividade tamén contarase cun teclado físico opcional que facilite a entrada de texto, aínda que non parece que sexa a mellor opción para este tipo de traballo (como veñen demostrando outros teclados Bluetooth dispoñibles dende o lanzamento do primeiro iPad).
Para que o iPad Pro poida callar no mercado será preciso que se consolide un público que considere aceptable un tamaño tan grande, aínda que o seu peso conseguiu conterse bastante (o modelo Wi-Fi só pesa 713 gramos, o que é moito menos que un ordenador portátil, pero tamén queda lonxe dos 437 gramos dun iPad Air 2 ou os 298,8 gramos dun iPad mini 4); e tamén debe aceptarse o seu elevado prezo, xa que en tal rango ten que competir con ordenadores portátiles de alta gama e produtos máis versátiles coma os Surface Pro de Microsoft.
Precisamente sobre o prezo en España Apple confirmou hoxe que o iPad Pro de 32 GB con Wi-Fi custará 899 euros, mentres que o modelo máis avanzado, o de 128 GB con banda larga móbil, chegará até aos 1.229 euros; prezos aos que habería que engadir 109 euros do Apple Pencil e 179 euros do Smart Keyboard en caso de querer gozar da experiencia completa (o que xa superaría os mil cincocentos euros).

PUBLICIDADE