Esta semana podemos presentar contribucións á Xornada de Usuarios de R, fixada para o 15 de outubro
martes, 15 de setembro do 2020
Até
este 18 de setembro vai ficar aberto o prazo para presentar propostas
de relatorios á sétima Xornada
de Usuarios de R en Galicia. Os traballos recibidos serán
sometidos a revisión polo comité científico e logo notificarase
por correo electrónico o resultado da revisión. A
xornada, como dixemos, celebrarase o 15 de outubro de 2020 en formato
virtual (por primeira vez na historia desta xuntanza de traballo
e divulgación e como medida de seguridade sanitaria anti-COVID para
as e os participantes). Polo tanto, as diferentes actividades
retransmitiranse en vivo e en streaming. Ademais, os vídeos
serán pendurados ao remate da xornada no
sitio en YouTube da Xornada de Usuarios de R en Galicia.
Esta
iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a
axencia autonómica AMTEGA e o CIXUG para a realización de
actividades de fomento do software libre en Galicia.
O
evento ten como obxectivos a promoción da linguaxe R e as súas
aplicacións, ademais de facilitar o traballo en rede entre a
comunidade de persoas usuarias da linguaxe e aquelas outras
interesadas en coñecela ou en poñer en común as súas
experiencias.
Como lembraremos, R é un software orixinariamente
deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos
e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados
coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, Big Data,
bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe
de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.