Esta semana comeza a resintonización da TDT na provincia de Lugo

luns, 16 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro mércores comezará na provincia de Lugo o proceso de cambio de frecuencias da TDT en Galicia, que afectará á resintonización da Televisión de Galicia no marco da liberación do segundo dividendo dixital, co que preténdese liberar un rango de frecuencia actualmente utilizadas para retransmisións televisivas e que pasarán a aproveitarse para a telefonía móbil (concretamente para futuras redes 5G).
O proceso que comeza este mércores, e que terá un prazo de 6 meses para tal adaptación, bota a andar na provincia de Lugo, agás as comarcas de Terra de Lemos e Chantada, que incorporaranse a vindeira semana. As provincias de Ourense e Pontevedra realizarán este cambio a partires de xaneiro de 2020, mentres que a provincia da Coruña non terá que realizar cambios nesta primeira fase do cambio de frecuencias.
Durante o proceso as emisións da TDT realizaranse simultaneamente nas frecuencias actuais e nas futuras, e tras 6 meses realizarase o cesamento das emisións nas frecuencias actuais. No caso das vivendas individuais o cambio só supón unha resintonización nos televisores do fogar, mentres que en instalacións colectivas é posible que sexa preciso realizar axustes por parte dun instalador autorizado, para o que existe unha liña de axudas do Goberno de España para compensar pola adaptación das instalacións (a través das que achegarán entre 104 e 677 euros por instalación).

PUBLICIDADE