Essential, o smartphone de Andy Rubin

martes, 30 de maio do 2017 Marcus Fernández

Durante os últimos meses comentábase que o considerado como pai de Android, Andy Rubin, estaba a preparar un smartphone de seu, que apostaría polos materiais de calidade e as opcións de personalización, e por fin podemos ver o que é Essential, un teléfono cunha pantalla de 5,71 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.312 píxeles (que ocupa tanto da superficie do teléfono que rodea a cámara frontal), corpo de titanio, traseira de cerámica e a posibilidade de engadirlle accesorios a través dun conector magnético que inicialmente serve para dotar ao smartphone coa cámara persoal de 360 graos máis cativa do mercado (que integra dous sensores de 12 Mpíxeles e pode gravar vídeo 360 en 4K).
O teléfono Essential funcionaría cun procesador Qualcomm Snapdragon 835 con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (UFS 2.1), unha cámara traseira dual de auténtico luxo (cun sensor de cor e outro de branco e negro, distintas tecnoloxías de enfoque e a posibilidade de gravar vídeo en 4K), cámara frontal de 8 Mpíxeles (tamén capaz de gravar vídeo 4K), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector traseiro de pegadas dixitais e batería de 3.040 mAh con carga rápida, USB-C. Ten un grosor de 7,8 milímetros e o seu peso non chega aos 185 gramos.
O seu prezo de lanzamento nos EE.UU. será de 699 dólares e, como promoción, a cámara 360 que poden conectarse magneticamente supón un sobrecusto de só 50 dólares, ou sexa, que por uns 670 euros podería conseguirse un dos smartphones máis completos do mercado, aínda que máis de un considerará que fallar por detalles como a ausencia do conector de auriculares.
Haberá que ver se esta proposta de Andy Rubin realmente ten atractivo comercial, de xeito que chegue a comercializarse máis aló dos EE.UU.

PUBLICIDADE