Especialistas en publicidade e audiovisual avogan en Santiago por pechar ringleiras co fin de evitar “que nos colonicen

venres, 15 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Daniel Salgado, David Martínez (moderador, director de Voz Audiovisual), Ricardo Vaca, Antón Reixa e José María Pérez Bazús, responsable de Organismos e Instituciones de Caixanova en Santiago

A industria audiovisual representa o alento da nosa formación como sociedade e as novas tecnoloxías son o camiño a seguir polos creadores e a industria en xeral. Deste xeito, ollando cara a adiante, amosouse perante o público onte xoves 14 Ricardo Vaca Berdayes (presidente executivo de Barlovento Comunicación) no transcurso da xornada Fragmentación de audiencias e impacto publicitario, que organizou en Compostela o Clúster Audiovisual Galego no Hotel Palacio do Carme.
A xuntanza, que contou coa participación activa de expertos en medición de audiencias e publicidade, serviu para reafirmar a confianza nun concepto que, como sinalou Vaca Berdayes, constituiría un manifesto de intencións para o presente e o futuro: crear audiovisual, incluíndose nel a publicidade, é crear industria e facernos fortes (en Galiza e en España), e tamén afianzar a presenza de culturas e identidades como a galega no mundo.
E, se amais todo o sector aposta de cheo por tirarlle rendemento ás moitas posibilidades das novas tecnoloxías, case seguro que estará a camiñar polo vieiro correcto, de aí que “debamos ordenar o tráfico do sector e facer del industria potente exportadora, se non doutro xeito imos ser colonizados”, engadiu o presidente de Barlovento Comunicación, empresa de medición de audiencias.
Na sesión, moderada por David Martínez, director de Voz Audiovisual, tamén participou Daniel Salgado, xefe de Marketing e Audiencias de CRTVG, quen achegou a súa particular visión de como debe ser o comportamento dunha televisión pública: basicamente integradora de públicos diferentes, por moi situados que estean en puntos opostos de gustos e tendencias.
De audiencia e público e como se están a especializar cada vez máis tamén falou María Gil, directora de servizos de marketing de Sogecable Media. A María tocoulle falar dun tema que probablemente coñecía mellor que ningún outro dos participantes: a batalla televisiva polo posicionamento.
Sexa como sexa, tratou de quitarlle ferro ó feito de que tanto o público como (en consecuencia) as mensaxes informativas e/ou comerciais que lle chegan estean cada vez máis especializadas: “Non é unha ameaza senón unha oportunidade. Canto máis concretemos cal é o noso target de comunicación, máis oportunidades teremos para planificar en canles rendibles e evitar a inflación dos canles masivos”, manifestou.

PUBLICIDADE