España figura entre os 13 países de lanzamento da Xbox One

mércores, 14 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Continuando a achegar datos sobre o lanzamento da Xbox One, dende Microsoft detallan hoxe os mercados nos que poderá verse a nova consola doméstica na súa posta á venda, recoñecendo que non serán quen de cumprir co seu obxectivo de estrear a consola e 21 países simultaneamente, conformándose con só 13: Australia, Austria, Brasil, Canadá, Francia, Alemaña, Irlanda, Italia, México, EE.UU., Reino Unido, Nova Zelandia e España. Nestes países a Xbox One porase á venda o vindeiro mes de novembro, mentres que Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Países Baixos, Noruega, Rusia, Suecia e Suíza deberán agardar a 2014 para poder botar as mans á prometedora máquina.
Confían en que o lanzamento nos 13 mercados indicados sexa simultáneo, o que resulta bastante complexo, pois no proceso hai que localizar os menús da consola, as linguas e o soporte de voz da mesma e as aplicacións que acheguen contido local en cada país, polo que é de agardar que nos vindeiros meses coñezamos máis detalles do que achegará a Xbox One en cada país, pois precisamente os servizos engadidos serán decisivos á hora de engadir valor a un produto que busca ser moito máis que unha consola de videoxogos.

PUBLICIDADE