Espállase o código para crackear o HD-DVD malia as ameazas da industria
mércores, 2 de maio do 2007
Os bits son de todos e non hai quen lles poña un valado. Eles mesmos son un pouco anti-sistema, malia teren nacido nas entrañas do sistema, e probablemente o mellor que poderemos facer con eles é renunciar a calquera xeito de gobernalos. Indomesticables: así se lles está a chamar estes días en múltiples foros web logo de que se descubrise o código para a crackear a encriptación do sistema HD-DVD, o novo formato de DVD de Toshiba e, xunto con Blu-ray, a gran esperanza da industria de contidos para redondear os seus ingresos logo de constatar que os muros habilitados para protexer o DVD tiñan máis furados ca un queixo suízo. A historia do devandito código do HD-DVD é ben curiosa, indo na Rede de aquí para acolá, aparecendo en determinadas webs como a do curso de Cory Doctorow en USC ou mesmo en Digg para logo ser suprimido por orde das entidades que velan por este tipo de proteccións e licenzas (intentos que estes días están a cobrar mais intensidade que nunca en Estados Unidos, ó abeiro da lei Digital Millennium Copyright Act)
O caso é que o errático periplo do código pola Internet foi deixando un ronsel (inevitable), e chegouse un intre no que as peores sospeitas da gran industria de contidas foron confirmadas, cunha chea de espazos da Web reproducindo a secuencia de 32 números hexadecimais en todas as feituras imaxinables, mesmo como material para a letra dunha canción en YouTube. Cómpre sinalar que o coñecemento do código servirá como a peza chave para a copia de contidos audiovisuais no devandito formato, estando xa dispoñible (por se fora pouco) o programa BackupHDDVD, que é a esta nova feitura o que o Decrypter era ó DVD convencional, por poñer un exemplo.