Eragon, novo fenómeno de lecer nos teléfonos móbiles

venres, 12 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O filme Eragon abrangue en tecnoloxía o que non abrangue en calidade cinematográfica. De feito, é se cadra a máis decepcionante das moitas translacións ó cinema de senlleiras obras literarias de fantasía heroica que se están a dar nos últimos tempos (O señor dos Aneis, As crónicas de Narnia ou mesmo a saga de Harry Potter) e, malia todo, consegue abrir vía nas nosas vidas como un deses inexplicables produtos de mercado que teñen éxito malia contar –en teoría- con todo en contra.
Porén, os produtores do filme puxeron no labor de marketing e promoción tecnolóxica todo o que non puxeron no guión, e o xogo xa está presente agora na meirande parte dos portais de operadores de redes móbiles de Europa. A responsable deste labor é a empresa Vivendi Games Mobile, que vén de presentar o xogo para móbiles de Eragon e máis a versión multiplataforma dispoñible para consolas e PC.
O argumento do xogo, moi posiblemente superior en calidade á mesma película da que se nutre, é máis ou menos o característico deste tipo de obras de fantasía heroica: o usuario ponse na pel dun mozo máis ou menos inocente que, instigado por forzas do ben do mal en continua loita, convértese nunha figura destinada a restablecer a orde no seu país de orixe e circundantes. Até aquí todo máis ou menos coñecido.
O punto forte do xogo radica en que contaremos cun cubre costas de excepción: a dragoa Saphira. Ademais, din os responsables do produto que por moitas voltas que deamos de aquí para alá non perderemos o fío argumental da historia.

PUBLICIDADE