Epson presenta un proxector que pode operar como unha pantalla táctil

venres, 23 de maio do 2014 Marcus Fernández

A tecnoloxía de encerados electrónicos leva moito tempo no mercado, e incluso é un elemento habitual nas aulas galegas, pero normalmente desenvólvese mediante unha combinación de proxector e un lapis dixitalizador, o que Epson está a cambiar co seu proxector EB-595WT, que sairá á venda no Xapón a semana que vén, e que destacaría por soportar a interacción incluso cos dedos grazas a que integra unha cámara a un emisor de infravermellos, de xeito que pode detectar os movementos sobre a pantalla dun xeito semellante á de Leap 3D ou Kinect.
Para unha maior precisión o proxector tamén pode funcionar cun punteiro como os encerados dixitais tradicionais, pero o feito de permitir a interacción directa cos dedos abre moitas posibilidade no eido da docencia, trasladando ás aulas un sistema de control ao que os cativos xa están afeitos grazas aos tablets.
O proxector ten unha resolución de 1.280 x 800 píxeles, un brillo de 3.300 lumenes, permite escribir en pantalla sen empregar un ordenador, permite empregar como fonte de vídeo tanto ordenadores como tablets (contando cun software para Windows, OSX, Android e iOS que permite moderar os contidos proxectados empregando como orixe as pantallas de ata catro equipos simultáneos comunicados en rede) e, loxicamente, tamén soporta moitas outras fontes de vídeo estándar, converténdose nunha ferramenta moi útil para o sector educativo.


Vídeo promocional do novo proxector de Epson


Vídeo no que podemos ver o novo proxección nunha demostración de uso real

PUBLICIDADE