Enxeñaría de Telecomunicación presume nos LPRO Days de 13 proxectos creados polo alumnado

venres, 9 de maio do 2025 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación fixo gala esta semana do talento do seu alumnado nunha nova edición dos LPRO Days, un evento concibido a modo de feira tecnolóxica no que cada ano danse a coñecer os proxectos impulsados e materializados polas/os estudantes que está a piques de titularse. En total, o alumnado da Escola deu a coñecer 13 proxectos tecnolóxicos desenvolvidos por 66 estudantes baixo a atenta mirada dun equipo de 17 docentes.
Cada proxecto contou cun posto onde foi exposto o prototipo desenvolvido e no que os autores deron detalles do seu funcionamento. Este xoves atenderon ao público na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e este venres a cita será no Verbum: pola mañá para visitas de alumnado de ensino secundario e, xa pola tarde, aberto ao conxunto da cidadanía, con visita do alcalde, Abel Caballero, e entrega de premios aos mellores traballos da man de varias empresas e institución da rede conexionTeleco: Marine Instruments, Optare Solutions, Quobis, Gradiant e CTAG.
Como cada ano os proxectos abordan unha gran variedade de temáticas, pero, segundo informou a Escola de Telecomunicación, na edición deste ano constatouse o uso cada vez maior da Intelixencia Artificial, algo que xa se viña producindo desde hai uns anos.
Un dos traballos que máis chamou a atención entre os visitantes foi Vía Plus, un sistema de detección en tempo real de fochancas en estradas mediante sensores, un sistema dotado dun servidor que amosa nun mapa a súa localización xunto cunha fotografía. “Enviaremos informes ás entidades responsables para que sexan conscientes da gravidade e realicen as reparacións con rapidez”, explican os autores, ao que engaden que o seu obxectivo é “mellorar a seguridade viaria e evitar calquera tipo de dano”.
Outro dos traballos foi Lossn’t, un dispositivo baseado na tecnoloxía RFID dirixido a que o usuario ou usuaria poida localizar os seus obxectos persoais (maletas, mochilas, maletíns...). “Mediante unha aplicación poderá saber se o obxecto, ao que previamente engadiu un adhesivo RFID, está entrando ou saíndo do radio de acción do dispositivo”, comentou o equipo responsable do enxeño.
Outras propostas destacadas foron ASCi, un proxecto orientado á adaptación de ascensores para a inclusión de persoas con mobilidade reducida mediante a sensórica e o uso dunha aplicación móbil; Hestia, orientado a potenciar a autonomía das persoas maiores e ofrecer tranquilidade ás súas familias, mediante recoñecemento de obxectos, detección en tempo real de caídas, xestos para solicitar axuda e integración con altofalantes intelixentes; ou Save Step, un sistema de asistencia para persoas invidentes.
Entre os proxectos mostrados tamén figuraba Robotopo, deseñado para actuar a modo de ponte de comunicacións entre persoas atrapadas baixo cascallos e equipos de rescate durante emerxencias, ou Acusafe, un sistema de detección temperá de afogamentos que emprega cámaras térmicas e procesado de imaxe para identificar persoas en perigo.
A xornada no Verbum inclúe, a partir das 18.00 horas, o acto de clausura e entrega de premios. A apertura do acto correrá a cargo da directora da escola, Rebeca P. Díaz, e contará coa participación do alcalde Abel Caballero, e o director de atlanTTic, Martín Llamas, así como os representantes das empresas, que serán os encargado de repartir os galardóns.