Entréganse os premios do certame Curtas na Rede

martes, 28 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presidiu a gala de entrega de premios con motivo da III edición de Curtas na Rede

Esta tarde se entregaron no Teatro Colón de A Coruña os premios do certame Curtas na Rede organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia, nunha cerimonia presidida polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que destacou que as pezas presentadas a concurso demostraban que «o audiovisual galego ten canteira» e «aviva o compromiso» do Goberno galego cos instrumentos que está a impulsar: o Consorcio Audiovisual de Galicia, o Centro Multimedia, a Rede de Telecentros de Comunicación e o Centro de Artes da Imaxe.
Touriño tamén subliñou durante a súa intervención que «a multiculturalidade, a pluralidade, a inserción e a integración social» son valores reflectidos no concurso Curtas na Rede, e felicitou aos galardoados polo «esforzo inventivo, a enerxía artística e a capacidade emprendedora».
O presidente da Xunta o acompañaron durante a gala, entre outros, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, María Dolores Rodríguez Amoroso, e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.

Relación de galardoados

A categoría estrela do concurso é a de curtametraxes, na que este ano participaron 90 proxectos. Os inscritos tiveron que realizar unha curta inédita que non excedera os cinco minutos de duración e que versara sobre as temáticas de inmigración, saúde e sexualidade e visións nosas/visións alleas (temática libre). Amais desta categoría, e coa mesma limitación e duración, este ano incorporouse a categoría de curtametraxes de animación de temática e xénero libre.
O presidente da Xunta entregou o premio á mellor curtametraxe en galego a Xabier Marqués Solla por Z. O premio á mellor curtametraxe en castelán recaeu en Suda Sánchez por Rutina. O galardón á mellor curta de ficción sobre saúde e sexualidade foi para Carlos Prado Pampín por Vellas, quen tamén se fixo co premio á mellor micromovie por Amén Señora e mellor dirección por Vellas. Na temática de ficción inmigración, o galardón foi para Marisa Otero López por Querida Xulia. Na categoría visións nosas/visións alleas déronse dous premios, un deles para Diego Valiño García por Love over e, o outro para Toño Chouza por Münchausen, quen tamén recibiu o premio do público á mellor micromovie por Contratempo.
No apartado documental, o premio para a mellor curta de saúde e sexualidade foi para Julia Vallés por Sexo seguro. A mellor curta documental na categoría visións nosas/visións alleas foi para Pablo Chouza por O camiño da Loureira.
O galardón pola curtametraxe máis orixinal foi para Pablo Penedo Naveira por Federico Lasalle. Así mesmo, o premio do público á mellor curtametraxe foi para Andrés González Tella por Qué lle pasa a Pepe Pistola?
Completan o concurso dúas categorías máis, a de micromovies e a de cápsulas. O galardón mellor cápsula de lingua entregóuselle a Alberto López Vázquez por Negras sombras. Hugo Ricardo Sousa fíxose co premio á mellor cápsula musical por Dreams in colour, así como co premio do público á mellor cápsula. O galardón da mellor cápsula promo foi para Juan Pedro Pérez por 404.
Na categoría de animación, o primeiro dos premios foi para Miriam Alberte por Caligarismo, o segundo para Andrés Carrera por 1491 e o terceiro para Raúl García por A xogada perfecta.
Andrés Cameselle e Amalia Touriño e Aurea García recibiron o premio á mellor interpretación masculina e á mellor feminina, respectivamente. O premio para a mellor bitácora, outra das modalidades do concurso, foi para Marcos Nine, mentres que o de mellor guións recaeu en Eduardo Pérez por Lavandeira.

PUBLICIDADE