Entréganse en Vigo os premios do certame Lingua de Namorar

mércores, 14 de febreiro do 2018 Redacción

Na tarde deste 14 de febreiro, coincidindo de maneira significativa co día de San Valentín (a festa por excelencia das e dos namorados), entregáronse en Vigo (no Museo do Mar de Galicia, a carón do Pergamiño Videl) os premios do certame Lingua de Namorar, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura e Educación) e a Dirección Xeral de Xuventude co obxectivo de promover a nosa lingua no ámbito das novas tecnoloxías da información. E co requirimento temático de que as creacións presentadas estean construídas, de maneira íntegra, para engaiolar ao destinatario ou destinataria. No acto de hoxe participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a escritora galega Rosalía Fernández Rial como condutora.
Durante a súa intervención Román Rodríguez salientou a importancia de “manter o galego como unha lingua dos afectos e das relacións persoais, de visualizala como o que sempre foi, a lingua do pobo de Galicia”, ao tempo que se avanza na súa presenza nos espazos formais, como a Administración.
O conselleiro explicou que as cantigas do Pergamiño Vindel “xa expresaban o amor en galego, tal e como o fixeron tamén os participantes neste certame Lingua de namorar”, demostrando que a lingua propia de Galicia non “só ten historia senón que tamén ten futuro; unha lingua de pergamiños, pero tamén de whatsapps”.
Os participantes no acto salientaron que o certame “foi un éxito”, xa que dobrou de maneira considerábel a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1.509 mozos e mozas. Un total de 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.
De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A, Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado.
Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.
As gañadoras recibirán como premios un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea mini 9, un auricular Panasonic Diadema, unha smart TV Panasonic 32”, un smartphone Wiko 5” e unha cámara deportiva Mini Wifi 2”, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel, conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018 e mais un diploma acreditativo. Toda a información e textos gañadores está xa dispoñíbel na web Lingua.gal.

PUBLICIDADE