Entre os días 15 e 20 os usuarios de PS4 poderán xogar en liña de balde

luns, 13 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Unha das grandes diferenzas entre a PlayStation 3 e a PlayStation 4 é que na PS4 é preciso subscribirse ao servizo de pagamento PlayStation Plus para poder gozar do xogo en liña, de aí que moitos xogadores non poidan gozar completamente dos seus xogos, e para que poidan probar a experiencia completa e así poder decidir se subscriben PS Plus, o servizo será de balde entre as 11:00 horas do vindeiro mércores e as 11:00 horas do luns, permitindo así que calquera usuario de PS4 que conecte a súa consola á Internet poida xogar con usuarios de todo o mundo.
Nesta promoción de balde só está incluída a función de multixogador en liña, ou sexa, que os xogos que cada mes reciben os subscritores de PS Plus sen cargo adicional non estarían incluídos, pero o mero feito de permitir un achegamento aos modos multi-xogador de moitos títulos é incentivo dabondo para moitos que estes días comprobarán en primeira persoa se realmente paga a pena poder realizar un desembolso adicional para competir contra outros xogadores en títulos como FIFA 18 ou Call of Duty: World War II.

PUBLICIDADE