Entra na recta final o prazo para enviar achegas ao Certame de Microrrelatos da RAG e Puntogal

venres, 22 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Este 28 de febreiro péchase o prazo para enviar contribucións ao segundo Certame de Microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e a asociación PuntoGal. O concurso, que ten o obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital, púxose en marcha co gallo dunha campaña de promoción de PuntoGal que permitirá, ao longo deste mes de febreiro, rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE.
O certame repartirá nesta ocasión nove premios, tres en cada unha das novas categorías distribuídas por idades co propósito de facilitar a participación de todo o público. Na infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.
As persoas que desexen ter parte activa na actividade deberán enviar os textos, de até 200 palabras e en galego, ao correo electrónico actividades@academia.gal antes da devandita data do 28 de febreiro. Os gañadores recibirán premios tecnolóxicos (computadores, consolas, lectores electrónicos de libros) e relacionados coa lectura. As bases están dispoñíbeis en academia.gal, en formato PDF, e máis en www.asociacion.gal.
Como dixemos, coincidindo con esta actividade, Puntogal lanza unha máis que interesante promoción que posibilitará rexistrar durante o mes de febreiro un novo .gal con prezos de entre 12,15 e 15 euros máis IVE. Os rexistradores acollidos á promoción son Dinahosting, Blacknight, Com Laude, Entorno Digital, Don Dominio, Ovh.com e Openprovider. As condicións da promoción poden consultarse en dominio.gal/promotion/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras. O dominio lanzará unha campaña de publicidade para dar a coñecer tanto esta acción como o concurso.

PUBLICIDADE