Entra en vigor a parte da reforma da LPI que determina sancións de 600.000 euros

luns, 5 de xaneiro do 2015 Redacción

A partir deste luns 5 de xaneiro entra en vigor a parte das sancións máis graves da reforma da Lei da Propiedade Intelectual e que máis afectaría (no plano económico) a quen efectúe, permita, colabore ou dea acubillo á copia ilegal sen consentimento de material dixital protexido (audiovisual, videoxogos, música, creación literaria, etc). En a base a esta parte da reforma, haberá sancións por copia ilegal de arquivos protexidos que poderían chegar até os 600.000 euros (partindo dunha base de 150.000), cousa que abranguería non só aos responsábeis directos da infracción, senón tamén aos indirectos. Estas multas dobrarían as vixentes até o de agora.
En definitiva, no ámbito destas sancións (as chamadas sancións graves) ficarían non só os responsábeis das páxinas web que vulneren os dereitos de propiedade intelectual en Internet, senón tamén os fornecedores de servizos de mediación, os servizos de pagos electrónicos ou de publicidade que se neguen a suspender o servizo á web infractora. A reforma fixa que logo dunha denuncia polas ditas prácticas, a Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual solicitará ao responsábel de web denunciada a retirada do contido ilegal. Se nun prazo de ao redor de dez días non se produce a retirada, esta sección poderá solicitar a colaboración dos intermediarios para que suspendan o servizo. A negación a colaborar coa Sección Segunda sería polo tanto unha infracción, segundo establece o artigo 11 da Lei. Por outra banda, se se dá o caso de que a páxina emprega un nome de dominio baixo os códigos de país ligados ao Estado (.es, .cat, .gal) a Sección Segunda notificará os feitos á autoridade de rexistro a efectos de que cancele o nome de dominio, que non poderá ser asignado de novo en menos de seis meses.

PUBLICIDADE