Entra en probas a aplicación que permitirá que levemos o carné de conducir no móbil

luns, 27 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

O pasado verán anunciaron que a aplicación móbil miDGT permitirá empregar o smartphone a xeito de permiso de conducir e permiso de circulación do noso vehículo, con plena validez legal, e finalmente chegou a Android mediante acceso anticipado está aplicación (que no momento de escribir estas liñas non acepta máis usuarios de proba), de xeito que xa é unha realidade a posibilidade de levar a nosa documentación de Tráfico no móbil se accedemos a través desta ferramenta tirando proveito da identificación do sistema Cl@ve.
Dado que a aplicación está en probas, aínda será preciso levar a documentación da DGT en soporte físico, pero proximamente a Dirección Xeral de Tráfico aprobará o regulamento que faga oficial a versión dixital dos seus permisos, facilitando tamén máis adiante a posibilidade de recibir avisos, pagar sancións, pedir cita nas súas oficinas e, en definitiva, realizar os principais trámites relacionados cos permisos e os nosos vehículos.
A aplicación tamén tirará proveito da cámara do smartphone para a lectura de códigos QR para verificar permisos dixitais.

PUBLICIDADE