Entidades e empresas de software libre amosan esta semana no Gaiás as súas ideas para o rural

martes, 13 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) quere compartir os seus recursos, servizos e coñecementos co rural galego. En temos máis concretos, busca amosar todo o que pode facer a programación aberta a prol da produtividade, a xestión, a distribución e a comunicación das nosas firmas e entidades do eido rural. Por esta razón, organiza este 16 de xuño, xunto con AMTEGA, unha nova edición do programa Colaboratic.gal, logo das experiencias previas de índole máis xenérica. En palabras de AGASOL, a cita deste venres na Cidade da Cultura é “unha xornada para ver, escoitar pero tamén amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o sector rural”.
O encontro, previsto para a Sala Eisenmann da Cidade da Cultura, contará coa participación dun completo grupo de profesionais e empresas dando conta das súas experiencias, “tanto do que se ten feito como do que se pode facer”, profesionais e empresas entre os que se contan AGASOL, Fran Quiroga, Granxa Familiar, iCARTO, EFA Galicia, QGIS, Librebit, Galirema, Adegas Lagar de Costa, a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA). Ademais, incluirase no programa un xantar-networking para “seguir conectando”.
Os porqués da convocatoria
En palabras de AGASOL, xa non é só que a nosa comunidade de profesionais e empresas open source teñan moito que achegar a sectores como o agrogandeiro ou a hostalería, entre outros moitos ámbitos produtivos non urbanos, é que o noso tecido galego de software libre ten tamén moitas posibilidades de saír fortalecido e enriquecido da experiencia. Trátase, basicamente, de xuntar forzas e de tirar proveito dun xeito de traballar que ten, tamén, fondas raizames no rural: traballar en mancomún.
A xornada terá dúas xeiras de traballo, unha de mañá, coa presentación de “iniciativas de interese relacionadas coa conexión do mundo rural e as tecnoloxías abertas”, presentacións levadas a cabo por responsábeis de experiencias concretas de proxectos open source para o rural; e outra que dará comezo ás 14.00 horas, o xantar-networking, que servirá para tender pontes de colaboración de cara a futuros proxectos conxuntos.

PUBLICIDADE