Enric Trillas volve ao CiTIUS para amosar os seus avances en intelixencia artificial

martes, 28 de marzo do 2017 Redacción

Enric Trillas, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial doutor honoris causa pola Universidade de Santiago, está de novo no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información), logo da cita do 19 de febreiro do ano pasado, para impartir o seminario Cinco leccións de lóxica borrosa. O ciclo de relatorios do que consta este seminario desenvólvese a longo de toda esta semana, e boa parte do mesmo fará foco en presentar as principais achegas do investigador no ámbito da lóxica difusa, do cal é o máximo representante a nivel estatal e un dos máis referenciais a nivel europeo.
A lóxica difusa ou fuzzy logic (en inglés), como lembraremos, é un revolucionario eido de investigación que se centra en acadar que as máquinas poidan reproducir o noso xeito de pensar e razoar. De feito, un dos seus retos é que os sistemas sexan quen ir alén de imitar o noso xeito de tomar decisións: que os imiten para logo facelo por eles mesmos.
Segundo informa o CiTIUS, ao longo das cinco sesións nas que se desenvolverá o seminario, Trillas está a afondar na relación entre a lóxica difusa e as ciencias da computación, así como na súa aplicación a temáticas como o razoamento, a linguaxe ou a aritmética, entre outras disciplinas.
Por cero que aproveitando a súa estadía na cidade, o profesor Trillas participará hoxe, martes 28, nunha sesión dos Coloquios Filosóficos en Compostela. Esta xeira de debate, baixo o epígrafe Conversas sobre a creatividade, celebrarase ás 19:30 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía, en Mazarelos. Ao carón de Trillas estarán o neurocioentífico Carlos Acuña e o lingüista Guillermo Rojo.

PUBLICIDADE