Engurras opta ao mellor filme europeo de animación

mércores, 19 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O filme de produción galega Engurras optará ao premio á mellor película de animación do cinema europeo. A obra, dirixida por Ignacio Ferreras e baseada no cómic de Paco Roca do mesmo título, concorrerá no certame que convoca a Academia EFA, con sede en Berlín, xunto con pezas de primeiro nivel como Piratas!, dos responsábeis de Chicken Run, Peter Lord e Jeff Newitt, e máis a checa Alois Nebel, de Tomás Lunák.
Cómpre lembrar que o filme Engurras non é novo nisto dos recoñecementos. Ás súas costas, amais do éxito colleitado entre o público de tódalas idades, gustos e esixencias, apañou un importante feixe de premios, entre os que salientan o Mestre Mateo e máis o Goya á mellor fita de animación. Engurras, producida polo selo galego Perro Verde, está dispoñíbel en DVD e, tamén, en descarga directa dende a plataforma Filmin, a un prezo máis que razoábel de 2,95 euros (durante 72 horas). A obra de Ignacio Ferreras e Paco Roca, tal e como sinalamos dende Código Cero, non só abriu novos vieiros tanto a nivel estético como de repercusión entre o público para a nosa animación, senón que tamén innovou no eido distributivo. De feito, logo de dous meses dende a data de estrea cinematográfica, chegou á devandita plataforma de cine dixital Filmin, converténdose nun exemplo a seguir para proxectos que viñeron logo, á procura de canles alternativas ás tradicionais de comunicación co gran público.

PUBLICIDADE