Encontro especializado para desenvolvedores de software na Coruña

luns, 14 de marzo do 2011 Raquel Noya

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), co obxectivo de resolver parte dos problemas cos que se atopan no seu día a día os desenvolvedores de software do noso país, vai organizar o evento formativo A xestión de requisitos en proxectos xoftware: o comezo dunha boa relación co cliente, que terá lugar o vindeiro 7 de abril na Coruña.
A xornada organízase en colaboración con Vitae Consultores e a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e será de balde para tódalas persoas asistentes.
O acto terá lugar na Sede Fundación Caixa Galicia en horario de 10:00 a 14:00 horas e, entre outras cousas, servirá para atallar algúns dos problemas cos que se atopan os profesionais do software á hora de desenvolver produtos, como a falta de entendemento cos usuarios e a incapacidade para satisfacer as súas necesidades.
As persoas interesadas en asistir (máximo de dúas por empresa), deberán formalizar a súa inscrición vía e-mail a proyectos@citic-research.org incluíndo o nome e a empresa á que representan antes do 4 de abril.
Segundo informan dende EGANET, “os problemas derivados dunha mala especificación das necesidades teñen un alto impacto na diminución da calidade e a produtividade, o aumento dos custes de desenvolvemento e, por suposto, no time-to market”.
Xa que logo, neste evento formativo, revisarase e daráselle solución aos aspectos relacionados coa xestión de requirimentos, desde o seu concepto ata o peche, así como as diversas ferramentas e técnicas útiles para diferentes tipos de proxectos TIC.
Asemade, preténdese que esta xornada sexa un punto de encontro especializado de profesionais TIC no que poder compartir experiencias e establecer contacto.
Entre os relatores convidados destaca a presenza do director de Desenvolvemento de Negocio e Estratexia de Solución en Visure, Jordi Borja Sanz e o Xerente de Proxectos de Altia Consultores, Jesús Criado.
Asemade asistirá co seu relatorio a Responsable de Proxectos e Analista TI en Estrella Galicia, M. Carmen Dopazo, quen ilustrará o encontro coa exposición dun caso práctico.

PUBLICIDADE