En xaneiro teremos nova xeración dos portátiles LG Gram

mércores, 11 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos converteuse nunha tradición que LG leve ao CES unha nova edición do seu ultraportátil de referencia, de aí que xa adianten que a primeiros de xaneiro leven a Las Vegas os seus novos LG Gram, que chegarán en 4 modelos para adaptarse a distintos perfís de usuario que en todo caso busquen equipos compactos, lixeiros e cunha magnífica autonomía, sen sacrificar rendemento.
Os novos LG Gram estarán equipados con procesadores Intel Core de 10ª xeración con gráfica Iris Plus, até 24 GB de RAM e baterías de até 80 Wh, así como un novo sistema de refrixeración para que os equipos non disparen a súa temperatura nin molesten co seu ruído en calquera escenario de uso.
Por unha banda teremos os novos LG Gram 14, 15 e 17, que serán modelos con pantallas IPS de 14, 15,6 e 17 polgadas, que nos dous modelos máis pequenos serán Full HD, mentres que no modelo de 17 polgadas a súa resolución será de 2.560 x 1.600 píxeles (con proporción 16:10). Tamén contan cun porto USB-C con soporte de Thunderbolt 3, 2/3 portos USB 3.1, saída HDMI, lector para tarxetas microSD, conector para auriculares/micrófono, lector de pegadas dixitais e conectividade Wi-Fi 6. Estes equipos móvense entre un peso de 999 gramos para o modelo máis cativo e os 1.350 gramos para o modelo de 17 polgadas.
Por outra banda tamén temos o LG Gram 2-in-1, equipo unha pantalla táctil de 14 polgadas que fronte ao modelo ordinario ten que facer algún compromiso como só poder equiparse con 16 GB como máximo, ter un grosor de 1,1 milímetros máis e pesar 146 gramos máis, detalles que non deberían ser preocupantes, especialmente se temos en conta que falamos de portátiles cunha autonomía capaz de superar as 20 horas, de xeito que practicamente non teñen competencia fóra da súa propia familia.

Os portátiles LG Gram destacan polo seu deseño lixeiro e compacto e por contar cunha autonomía de preto de 20 horas

PUBLICIDADE