En setembro volverá aos ordenadores o clásico Gauntlet

mércores, 4 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Ante a proximidade da celebración da feira E3, Warner Bros. Entertainment e Arrowhead Game Studios veñen de publicar un novo trailer dun dos seus xogos en desenvolvemento que pretenden comercializar a partir do 3 de setembro, e que xa está dispoñible para a súa reserva en Steam a un prezo de 19,99 euros. Trátase do retorno do xogo cooperativo para 4 xogadores Gauntlet, todo un clásico que en 1985 chegou aos salóns recreativos (nos que chamaba poderosamente a atención por permitir xogar a varios usuarios á vez) e que adaptaríase logo á meirande parte das plataformas de xogo da época e a moitas das posteriores.
Gauntlet sitúanos no Guantelete, onde un Guerreiro, unha Valquiria, un Elfo e un Mago deben introducirse para derrotar aos esbirros do malvado feiticeiro Morak, atopando no camiño grandes riquezas e reliquias máxicas que permitirán protexer ao equipo e lanzar potentes ataques.
Este xogo tinguido de elementos clásicos permitirá que xoguemos en solitario ou acompañados polos nosos amigos nunha mesma pantalla para 4 xogadores, contando tamén coa posibilidade de cooperar en liña (aínda que os amigos tamén poden ser auténticos rivais ao competir por ver quen é quen de conseguir matar a máis inimigos e recoller máis ouro).
Aínda que o título orixinal era bastante básico, agora temos un contorno bastante detallado e innumerables inimigos en pantalla, polo que para gozar deste xogo hai que contar como mínimo cun ordenador cun procesador de dobre núcleo a 2,4 GHz, 4 Gb de RAM e unha gráfica con 512 Mb de memoria compatible con DirectX 10, así como 2 Gb de espazo de disco libre.

En Gauntlet hai que facer fronte a unha incrible cantidade de inimigos
No xogo non falarán poderosos inimigos finais


Trailer estreado hoxe no que podemos ver o que achegará o novo Gauntlet

PUBLICIDADE