En primavera podería saír á venda unha Xbox One sen lector de discos

venres, 16 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A Xbox One leva connosco dende 2013

O lanzamento da Xbox One en 2013 chegara precedido de grandes polémicas, xa que Microsoft pretendía inicialmente que a súa consola fose unha máquina orientada á nube, de xeito que o seu catálogo de xogos funcionase dun xeito semellante a como fai Steam en PC, pero ante o rexeitamento da opinión pública mudou de rumbo e facilitou que os xogos en formato físico continuasen a funcionar sen conexión á Rede, pero semella que os xogadores son agora máis receptivos, e cada vez apostan máis polo dixital, de aí que volvese coller forza o ruxerruxe que apunta a que unha grande revolución: unha Xbox One sen lector de Blu-ray.
Aínda que por unha banda sábese que Microsoft está a traballar nun servizo de xogos mediante streaming, agora coméntase que na primavera de 2019 podería saír á venda unha Xbox One sen unidade de disco, o que podería ser un anticipo ou un globo sonda para comprobar se a Xbox da vindeira xeración, prevista para 2020, sería ben recibida como unha consola totalmente en liña, libre de soportes físicos.
A Xbox One sen lector de Blu-ray podería ser unha máquina considerablemente máis barata, o que contribuiría a potenciar ás vendas, pero tamén comentan que son sensibles aos xogos que teñen en disco os usuarios actuais, polo que ofreceríanlles a través de distintos socios un programa de disco-a-dixital, ou sexa, que os xogos que se levasen alí en soporte físico recolleríanse e incorporaríanse na colección dixital do usuario.
Dende Thurrott matizan que Microsoft polo momento só está a deseñar unha nova Xbox One S máis económica, e a decisión de se prescindirán do lector de Blu-ray aínda non se tomou, pero de ser así sería un lanzamento moi interesante, xa que coas conexións actuais de banda larga a descarga de xogos de grande tamaño é cada vez menos molesta (de feito, nalgúns casos o tempo de instalación dende disco é semellante) e poder ter unha consola sen discos nin cartuchos nesta xeración de consolas sería unha magnífica experiencia piloto.

PUBLICIDADE