En marcha unha proposta para encher a Rede de cancións en galego no 17 de maio

venres, 6 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Achégase o día das nosas Letras, o 17 de maio, e a nosa comunidade internauta xa está a argallar todo tipo de métodos imaxinativos de comprometérmonos coa nosa lingua e a nosa cultura, dende e para a Rede. Un dos que máis nos chamaron a atención estes días é unha proposta para tirar proveito do YouTube como canle para agasallar unha canción en galego aos moitos millóns de internautas que andan polo mundo e se cadra aínda non saben que existimos, cousa que haberá que solucionar. A iniciativa, chamada Agasallo para o mundo, preséntase coma un xogo de participación arredor do galego, segundo os impulsores nada que ver co correo lixo e cos envíos masivos indiscriminados.
Así o reflicte a CiberIrmandade: “Quen reciba o correo e escoite a canción compartirá un xesto repetido milleiros de veces ao longo de milleiros de quilómetros”. O espazo en YouTube será un espazo vivo, ao que se irán engadindo as diferentes achegas que se reciban. Só teremos que escoller a versión que máis nos guste o 17 de maio enviala aos nosos amigos para que a reproduzan ben alto nos lugares nos que se atopen nese intre.
A iniciativa déixanos marxe para facer a nosa propia versión, baixo unha partitura xa establecida (en formato pdf). Despois teremos que botar man dunha cámara dixital e compartir o agasallo. O xermolo da proposta vén da man de Eva Wojkiewicz.


Vídeo de Tonhito de Poi e Milo Romero que serve de exemplo desta iniciativa

PUBLICIDADE