En marcha unha plataforma para impulsar a opinión das mulleres nos eidos xornalísticos

mércores, 5 de marzo do 2014 Redacción

Ana Lamas, Carmen Plaza e Gloria Lomana, tres das impulsoras desta iniciativa

Impulsar o papel das mulleres como referentes de coñecemento nas máis variadas temáticas. E facelo a través dun eido onde precisamente é necesario impulsar o papel da muller: o eido da Rede. Estes son algúns dos grandes obxectivos de Plataformaexpertas.com, un servizo que permite localizar e obter opinións de valor entre un amplo directorio de mulleres especialistas en calquera actividade. A plataforma, segundo informan as súas responsábeis, diríxese a inverter o seguinte dato: nove de cada dez persoas consultadas polos medios de comunicación estatais para realizar o seu traballo informativo son homes. A tendencia, din, é claramente excluínte e xa é hora de pórse mans á obra para freala.
E máis se temos en conta que se trata de algo inxustificado e que non contribúe en nada a superar fendas de xénero e vellos prexuízos (esta teima dos medios de pór aos homes expertos como prioridade). A iniciativa da que estamos falar vén da man das principais asociacións de mulleres profesionais de España, entre as que se conta WomenCEO, impulsora do proxecto.
“Plataforma de Expertas”, explican, “pon a disposición dos medios de comunicación unha ferramenta online, desenvolvida por Atos, compañía internacional de servizos de tecnoloxías da información, que lles permitirá realizar procuras para localizar os contactos e obter opinións versadas entre un amplo directorio de mulleres especialistas en calquera actividade, tanto facendo procuras por texto libre como por categorías, semellantes ás seccións habituais da prensa para facilitar a tarefa aos xornalistas”. Segundo fai saber Elsa Gonzalez, presidenta de FAPE, unha das entidades promotoras, “os coñecementos das mulleres expertas facilitarán o exercicio do xornalismo e enriquecerán a actualidade, ao difundir unha visión máis real da sociedade, polo tanto a plataforma de expertas elevará a percepción feminina a través dos medios de comunicación”.
O servizo conta xa con máis 200 mulleres achegando coñecemento. A idea é contribuír ao seu medre coa incorporación de novas candidatas, que poderán inscribirse e pedir formar parte do panel de especialistas xa dispoñíbel. As solicitudes que se reciben serán revisadas “por unha comisión independente e mixta, composta por profesionais con ampla experiencia en selección de persoal que se encargará de validar as candidaturas”, engaden as impulsoras da iniciativa.
Segundo fai saber Ana Lamas, presidenta de Plataforma de Mulleres Expertas e de WomenCEO, “nestes intres e por inercia histórica o mundo do que se informa nas noticias é fundamentalmente masculino e non reflicte a participación social e profesional da muller en todos os ámbitos da sociedade”. E engade: “Mentres esta situación non cambie, amais de ser un desequilibrio inxustificable, estarase afastado á muller do centro de atención mediático, da creación de opinión e imposibilítase que chegue a súa voz á sociedade”.

PUBLICIDADE