En marcha unha plataforma para converter os clubs deportivos en comunidades en liña

martes, 20 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

A Rede vai servindo, a bo ritmo, ferramentas e recursos para tódolos sectores de actividade. Apenas vai ficando algo por cubrir. Neste senso, as escusas das organizacións (empresas, institucións, asociacións de toda índole, organizacións sen arela de lucro, etc) para seguir incidindo na falta de diálogo teñen cada vez menos razón de ser. De feito, semella haber recursos para asegurar a participación en case calquera eido, por específico que sexa, até en algo tan aparentemente fóra do virtual como a toma de decisións dos clubs deportivos. Disto trata Fanarchy, unha nova ferramenta que descubrimos o mes pasado, vía a primeira edición española de Startupbootcamp, e que se dirixe, poñendo en xogo unha xestión democrática, a incrementar as ligazóns entre clubs e seareiros.
Resultado: máis consenso e máis democracia. A ferramenta ten moito potencial, por exemplo, non caso de que o club queira incrementar as súas vendas de material publicitario, co que podería pedirlle aos seus seguidores que deseñen a nova camiseta, reforzándose así as “ligazóns emocionais que lles une ás súas cores e incrementando as posibilidades de que estes acaben por mercala”.
A idea é aglutinar e centralizar. De feito, é sabido que os seareiros dun club, por modesto que sexa, chegan aos sitios máis recónditos do planeta, polo que calquera ferramenta que consiga poñelos en contacto, de xeito continuo, ten un elevado potencial. “Aparte das principais relixións do mundo, ningún outro colectivo pode afirmar ter un volume semellante de seareiros; porén, moitos destes clubs só están a rendibilizar unha miúda fracción da súa base de seareiros global”, comenta neste fío Samuel Aloni, fundador e conselleiro delegado de Fanarchy. E continúa: “Isto obsérvase ben cando vemos que dos 525 millóns de afeccionados que teñen os clubs de fútbol europeo arredor do mundo, só 100 millóns interactúan con eles en redes sociais e, de acordo cos nosos estudos, os seus ingresos medios por cada un destes seareiros non chega aos 20 céntimos de euro cada ano”.
A iniciativa Fanarchy, por certo, foi seleccionada entre os dez equipos que amosarán os seus proxectos na edición madrileña do programa europeo Startupbootcamp de formación de emprendedores.

PUBLICIDADE