En marcha unha plataforma galega para fornecer contidos en alta calidade aos nosos xornalistas: Miriades.net

xoves, 28 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Tal e como lembramos onte, temos importantes propostas web galegas en marcha coas que complementar o cada vez máis interesante panorama informativo de vangarda da nosa terra (o “de vangarda” vai sobre todo polos métodos e formatos asumidos, pero tamén por como van afectar estes métodos á información: de certo que positivamente). Entre estas novas propostas web, posíbeis en parte grazas ás bolsas iProx do Colexio de Xornalistas de Galicia e Novagalicia Banco, figura un proxecto en liña dispoñíbel dende esta semana e presentándose perante o mundo como “unha nova ferramenta de distribución de contidos informativos en alta calidade”. Falamos de Miriades.net: unha canle para a distribución de vídeo e audio en alta definición (HD) deseñada para que plataformas cidadás, ou calquera outra fonte informativa, teña a oportunidade de fornecer material de calidade a telexornais, informativos de radio e medios escritos.
Segundo nos contan os responsábeis desta achega (a equipa de Xurimaru), esta amosa xa dende os seus comezos (dente antes dos seus comezos) unha gran potencialidade. Isto despréndese do cumprido material dispoñíbel sobre o conflito da minaría de ouro en Corcoesto, amplamente rexeitado por unha boa parte da cidadanía, material no que se inclúe -entre outras cousas- un documental de 34 minutos. Así nos explican dende Xurimaru as orixes e porqués da súa iniciativa: “Cada día centos de notas de prensa chegan ás redaccións, a maioría comunicados de institucións pero tamén notas de prensa de colectivos cidadáns... Porén, as fontes que proporcionan contidos multimedia son moi poucas, e case todas institucionais, neste senso Miriades.net busca rachar este cuase monopolio facilitando que calquera fonte poida pendurar vídeos, fotos ou audio de alta calidade para a súa descarga e reutilización por parte dos xornalistas”. E proseguen, indo ao miolo da cuestión: “Por poñer un exemplo do devandito, na plataforma xa hai un pequeno documental sobre o proxecto da macromina a ceo aberto de Corcoesto (Cabana de Bergantiños), amais de contidos en formato HD deste documental (entrevistas, planos), para que calquera televisión poida editalos ao seu xeito”. Asemade, achéganse dúas ducias de fotografías en alta resolución, cortes de audio das entrevistas e catro pezas escritas sobre o conflito da mina de ouro.
No desenvolvemento da plataforma Miriades.net colaboraron Xurxo Salgado (coordinación e produción), Manuel Vilas (redacción, fotografía e guión documental), Xosé Bocixa (realización, edición e guión documental), Ozono Multimedia (deseño e programación) e Miguel Nuñez (fotografía). O equipo quere agradecer, ademais da concesión da devandita bolsa iProx, a colaboración de todos os veciños de Corcoesto -tanto dos que están a favor como os que están en contra da mina- pola súa colaboración neste traballo.

PUBLICIDADE