En marcha unha plataforma colaborativa para opinarmos sobre vivendas en aluguer: Yoviví

mércores, 5 de outubro do 2016 Redacción

Os emprendedores Teresa Castaño e Jorge Guillén veñen de pór en marcha unha plataforma colaborativa para sabermos o que opinan os inquilinos pasados e presentes acerca das vivendas en aluguer que nos interesan. Trátase, sinalan, de responder a preguntas como se hai moito ruído de noite ou se se trata dunha comunidade tranquila que non nos vai dar máis preocupacións das estritamente asumíbeis. A plataforma chámase significativamente Yoviví.
Segundo informan os seus dous impulsores, estamos ante “a primeira plataforma colaborativa onde os inquilinos poderán opinar e valorar sobre a súa experiencia de aluguer para que futuros ocupantes poidan obter de primeira man información real de como se vive aí”. Desta maneira, explican, “os arrendatarios que estean a pensar en alugar un piso ou unha casa poderán coñecer de primeira man información real sobre un aluguer en concreto”.
A finalidade da iniciativa, polo tanto, é a de crear comunidade (con opinión, colaboración e espírito crítico) arredor dun colectivo en auxe, cuns intereses comúns ben definidos e con necesidades reais e concretas de información (necesidades relativas ás vivendas onde residir). Segundo engaden Castaño e Guillén, Yoviví tamén se dirixe a dar servizo aos propietarios, fornecéndoos dos recursos precisos para ofrecer aos seus inquilinos a posibilidade de opinar sobre a súa experiencia durante o aluguer e obter deste xeito unha boa valoración como arrendadores.
Para opinar na plataforma hai que rexistrarse na web, dar de alta a vivenda e deixar a valoración sobre ela. Outros inquilinos, e mesmo o mesmo propietario, poderán engadir opinións. A plataforma tamén ofrece a posibilidade de contactar co anterior inquilino para ampliar calquera información.

PUBLICIDADE