En marcha unha nova rede social formativa baseada no concepto do crowdlearning: Skidsy

venres, 2 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

Este venres soubemos da posta en marcha dunha nova rede social no panorama estatal, de nome Skidsy, e centrada no eido da formación nas súas múltiples manifestacións. A iniciativa, que segue o ronsel do concepto de crowdlearning (traducíbel máis ou menos por aprender entre multitudes, práctica irmá do crowdfounding, que é achegar financiamento entre moitos), ten o obxectivo de innovar o eido actual das canles educativas, achegando cursos presenciais “a prezos moi competitivos e no que calquera persoa con talentos ou habilidades ou coñecementos pode converterse á súa vez en profesor skidster”, sinalan os responsábeis da rede social, que aproveitan a oportunidade para cualificala tamén de “canle educativa informal”. Como toda rede social, pon en contacto a uns e outros. Neste caso, os “uns” son os expertos e os “outros” as persoas que buscan mellorar a súa formación. Ou viceversa.
A web, en definitiva, achega un espazo virtual no que compartir habilidades, coñecementos e experiencias prácticas de calquera nivel. A plataforma, ademais, aspira a converterse nunha escola social onde a educación estea ao alcance de todos os cidadáns. Segundo nos contan, “Skidsy xurdiu co obxectivo de brindar á sociedade unha nova forma de educar e aprender, onde todos os individuos teñan a posibilidade de atopar o seu verdadeiro talento”. A páxina web ofrece unha ampla listaxe de escolas ou áreas “onde todos os cursos, ideas e obradoiros propostos teñen cabida”, engaden.
Polo que respecta ao de crowdlearning, dicir que vén a conto porque dende esta plataforma ofértanse cursos presenciais onde o individuo elixe que quere aprender ou consegue ingresos extra a partir de que desexa ensinar, facendo uso do factor multitude para fornecer accións a prezos accesíbeis. “Loitamos contra a exclusión educativa para dar a posibilidade de ser competitivos no mundo laboral a todas as persoas sen distinción algunha, lembra Brian Miguel, xefe executivo de Skidsy. O proxecto, di, xa conta con máis de 800 usuarios e un catálogo de 350 cursos dispoñíbeis en toda a xeografía estatal.

PUBLICIDADE