En marcha unha nova plataforma para dar azos ás compras de produtos en galego: agasallo.eu

mércores, 11 de decembro do 2013 Redacción

Este mércores 11 de novembro presentouse oficialmente na Nave de Vidán, en Santiago, o servizo en liña de propostas de agasallos en galego da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua (CNTL). Falamos de agasallo.eu, unha plataforma dixital que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para un amplo abano temático de acontecementos e épocas do ano: libros, música, audiovisual, xogos, tecnoloxía, téxtil, experiencias, alimentación e outros. Na presentación participaron Nel Vidal Barral, presidente da Coordinadora (entidade promotora da plataforma), Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta (entidade que colaborou economicamente), Luz Picos (en representación da Asociación Galega de Editores, entidade colaboradora) e Manuel Pan e Daniel Cerqueiro (en representación de Abertal, a firma que desenvolve a plataforma en cuestión).
Con este servizo, informaron os seus responsábeis da súa posta en marcha, búscase ante todo amosar á cidadanía, en todo detalle e dun xeito sobre todo visual, as creacións, os produtos e os servizos que figuran, preséntanse ou usan a nosa lingua. Ou sexa, que o que se pretende é que a nosa sociedade saiba que mercar e facer agasallos (filmes, camisolas, discos, libros, aparellos electrónicos, xogos, etc) tamén pode ser un xeito de traballar pola lingua, pola súa conservación e emprego normalizado. Ao mesmo tempo, trátase de incentivar que os comercios teñan unha maior oferta de produtos de regalo en galego, promover e apoiar as empresas e as creacións culturais propias (música, literatura, cinema, novas tecnoloxías da información) e fomentar que se escollan galanos en galego para todo tipo de persoas e para tódalas idades en aniversarios e celebracións de toda índole (comezando por este Nadal que xa se nos vén enriba). Para os internautas que queiran comezar a tirarlle partido á plataforma, dicirlles que arestora xa está a pleno rendemento, coincidindo coa súa presentación en Santiago, no restaurante e espazo cultural A Nave de Vidán.

PUBLICIDADE