En marcha unha nova iniciativa dos OP de Lugo: Future Job Tools

martes, 12 de febreiro do 2019 Redacción

A concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico de Lugo, Ana Prieto deu a benvida este luns ás persoas participantes no Future Jobs Tools, un dos proxectos seleccionados ao abeiro dos Orzamentos Participativos, a iniciativa de acción pública aberta á implicación directa dos lucenses. A través de Future Jobs Tools, a veciñanza que queira dar unha viraxe á súa vida laboral poderá coñecer “as tendencias do mercado laboral marcadas polo progreso tecnolóxico e dixital da sociedade da man de especialistas”, explicou a concelleira.
Future Job Tools, en galego ferramentas laborais do futuro, é a segunda das 8 iniciativas de apoio e dinamización do emprendemento que pediu a cidadanía nos Orzamentos Participativos en arrincar. Consta de 3 obradoiros, que se impartirán entre os meses de febreiro e marzo, baseados na novela empresarial El Desafío de Yago, a secuela de La Aventura de Diana, unha referencia na aprendizaxe da innovación. O programa está especialmente concibido para estudantes universitarios e de ciclos formativos, mulleres emprendedoras, autónomos e PEME.
Segundo lembrou a edil, as propostas relacionadas co emprendemento e a innovación empresarial a través das diferentes facianas da transformación tecnolóxica supuxeron o terzo da campaña de participación cidadá que activou o Goberno. Xunto a Future Jobs Tools e o programa 3C de asesoramento personalizado, o Concello desenvolverá as seguintes accións co fin de implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade.
Estas son as propostas restantes que comezarán a materializarse os vindeiros días:
· Aprende a Medrar: trátase dun programa de consolidación empresarial establecendo estratexias para atraer cliente e mantelos no tempo. Celebrarase entre os meses de marzo e maio.
· Pílulas de coñecemento para emprendedores: proxecto a empresas xa constituídas, incluirá catro obradoiros sobre técnicas para mellorar o funcionamento e competitividade dos negocios.
· Estudo dun plan de accións para a transformación do barrio da Tinería, unha iniciativa que complementará a decisión do Concello de crear nesta zona “un viveiro de empresas a pé de rúa”, e que incluirá medidas en sete eidos: comercial; administrativo; educativo, docente e cultural; asistencial; deportivo; sanitario; e obradoiros de artesanía. O estudo desenvolverase entre febreiro e abril.
· Chatbot Learning: actividade dirixida a formar na aplicación da Intelixencia Artificial “de forma sinxela e práctica” a unha idea de negocio ou a unha empresa en marcha. Celebrarase en marzo.
· Lucus Raid, Emprende o Camiño: quince mozas e mozos con inquietudes emprendedoras, ao mesmo tempo que cobren a ruta xacobea, recibirán titorías individualizadas en materia de creación de empresas. A actividade celebrarase entre marzo e maio.
· Segunda edición da Feira de Nenos e Nenas Emprendedores, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis pequenos. Celebraranse uns obradoiros previos no primeiro semestre do ano.


PUBLICIDADE