En marcha unha ferramenta de raizame galega para contratar polo móbil a nosa limpeza do fogar

luns, 1 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

JPEG - 31 KB
Pablo Rodríguez, creador de Domesting

As semanas pasadas o equipo da empresa Domesting, unha nova iniciativa de raizame galega centrada na innovación arredor do fogar dixital, comezou a implantar ao longo e ancho da xeografía estatal un servizo en liña e móbil de contratación de limpeza doméstica. Segundo nos contan fontes da empresa (fundada por Pablo Rodríguez, natural da Coruña ao igual có resto do seu equipo), trátase da primeira ferramenta destas características que se pon en marcha no mercado español. Entre outras cousas, permite contratar servizos de limpeza en menos de 1 minuto por 9.90 euros/hora e reservar limpezas de urxencia.
A orixe do proxecto cómpre emprazala nunha tarefa concreta que atinxiu directamente ao creador da compañía: unha mudanza dunha vivenda a outra. Máis concretamente, na necesidade de deixar cen por cen limpa e habitábel a vivenda da que saía. Foi aí cando e onde se decatou de que non existía ningunha empresa á que acudir para que realizase o servizo de maneira “cómoda e alcanzábel”, sinala. Os problemas foron os de sempre: as esperas interminábeis e a dificultade para atopar orzamentos. Porén, estes obstáculos fixeron posíbel que xurdira a idea: por que non aproveitar a eclosión das TIC e pór en marcha unha empresa, neste caso Domesting, que permita contratar traballos de limpeza doméstica desde un dispositivo móbil ou desde un computador, en menos dun minuto?
“Até ese intre”, comenta Pablo, “España contaba con outras plataformas tecnolóxicas que daban soporte a anuncios e que cumprían o papel de intermediarias entre profesionais que ofrecían as súas prestacións e usuarios que as demandaban”. Tomando como inspiración modelos de negocio como Helping en Estados Unidos, decidiuse a emprender unha iniciativa que, “amais de supor a primeira empresa de limpeza doméstica que oferta os seus servizos a través das novas tecnoloxías da comunicación, conta coas súas propios profesionais, a un prezo fixo establecido”. A día de hoxe, Domesting atópase en fase de proba e ofrece os seus servizos de limpeza doméstica de balde en diferentes cidades do Reino Unido, Irlanda e España, mediante un sistema de convites que o usuario pode conseguir grazas á súa páxina web.
“O funcionamento de Domesting”, explica Pablo, “caracterízase pola súa sinxeleza e axilidade”. E engade: “Mediante un alcanzábel sistema baseado en botóns, o usuario pode elixir os parámetros de limpeza, día, hora e solicitar un servizo de limpeza doméstica; ademais en función da súa situación xeográfica e da dispoñibilidade de axenda do profesional, o sistema emparella ao usuario até con tres limpadores valorados previamente por outros clientes, de forma que o cliente selecciona ao empregado que finalmente acode no día indicado ao domicilio do cliente para realizar a limpeza demandada”.

PUBLICIDADE