En marcha unha campaña para esixir a dobraxe e subtitulado ao galego dos contidos das plataformas dixitais

xoves, 5 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A nosa Rede conta xa cunha campaña para reclamar ao Goberno autonómico o subtitulado e a dobraxe ao galego das series e filmes que ofertan as principais plataformas dixitais. A iniciativa está a ser impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Profesional de Actores e Actrices da Dobraxe de Galiza (APRADOGA), a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e interpretación (AGPTI) e mais a comunidade Instagram en galego. Na campaña pídenlle á Xunta que siga o camiño dos gobernos éuscaro e catalán, un camiño iniciado dende hai anos en materia de dobraxe e protección das súas linguas.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que “a Xunta debe favorecer o dereito ao acceso a contidos audiovisuais en condicións semellantes a outras linguas oficiais e cumprir coa obriga sinalada no artigo 20.1 da Lei de Normalización Lingüística de 1983 de fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega”. Porén, advirte, “o Goberno autonómico exclúe a presenza do galego e reduce cada ano a execución do orzamento para a dobraxe e non permite que os filmes xa dobrados se atopen dispoñíbeis no mercado”.
A campaña iniciada hoxe nas redes recorda que Movistar+ ofrece desde 2015 a posibilidade de subtitulado e de dobraxe de series e filmes en éuscaro e catalán. “O custo que ten para os gobernos vasco e catalán que as series e filmes que emite Movistar+ teñan subtítulos e dobraxe nas súas linguas é de 61.555,37 € ao ano, nun acordo a 3 anos por un total 184.666,13 €”, informou Maceira, engadindo que “após un ano de exclusividade de emisión, os contidos poden ser xestionados directamente polos gobernos catalán e vasco, así como liberados para o seu uso en todas as plataformas”.
Maceira tamén recorda que en 2018, Movistar+ manifestou nunha resposta á Mesa a súa vontade de incorporar o galego a este acordo, porén, explica, “non hai polo de agora nada que indique que o vaian facer, mentres o Goberno galego non se implique para dispormos de dobraxe e subtítulos en galego nas plataformas de televisión dixital”.
A campaña, que comezou a difundirse hoxe mesmo nas redes sociais e que anuncia accións na rúa para as próximas datas, reclámalle o seguinte á Xunta: que se sume ao acordo con Movistar+ para o subtitulado e a dobraxe dos filmes e series; que estableza acordos coas principais plataformas dixitais para a incoporación de subtítulos en galego e da dobraxe dos filmes e series dos que xa dispón a CRTVG; e que fixe unha dotación orzamentaria que permita cumprir eficazmente co estabelecido no artigo 20.1 da LNL.
A recollida de sinaturas estase a materializar a través da web.

PUBLICIDADE